Ōkami HD chegará á PS3 no outono

mércores, 20 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Capcom anunciou que o loado xogo Ōkami, que hai uns anos cativou a mirada de usuarios de PlayStation 2 e Wii pola súa coidada estética, vai volver no outono a través da PlayStattion Network a un prezo de 19,99 euros nunha versión en alta definición que tamén incorporará o sistema de trofeos de PS3 e integrará como sistema de control o PlayStation Move (que servirá para manexar o Pincel Celestial, que tamén poderá controlarse co mando DualShock 3 para quen careza de Move), de xeito que Ōkami HD podería entenderse como unha fusión das versións para PS2 e Wii, para gozo dos se acheguen a esta obra de arte.
No xogo podemos tomar o papel de Amaterasu, a deusa xaponesa do sol, que toma forma dun lobo branco para restaurar a beleza natural do mundo, que foi devastado por unha serie de demos aos que haberá que derrotar.
O xogo destaca polo uso da técnica do cel shading para adoptar unha estética de debuxo animado, e aínda que para PS2 non conseguiu unhas boas vendas, chegou a ser recoñecido como Xogo do Ano por publicacións como IGN. Pola contra, a versión para Wii si conseguiu unha mellor aceptación que levou incluso ao lanzamento dunha secuela para Nintendo DS.


Trailer da versión en alta definición de Ōkami

PUBLICIDADE