25 dos novos proxectos acelerábeis presentados a BFAero son galegos

mércores, 20 de novembro do 2019 Redacción

Un total de 40 proxectos de potencial aplicación no sector aeronáutico e dos vehículos aéreos non tripulados (UAV) optan a formar parte da segunda edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero) tras pecharse o prazo de presentación de solicitudes. Segundo informan as entidades que impulsan este centro lucense de despegue empresarial, as iniciativas candidatas están actualmente na fase de preselección con vistas a seren avaliadas polo comité executivo de BFAero. Finalmente, só seis delas obterán unha praza para participar no programa, que forma parte da Civil UAVs Initiative (CUI) impulsada pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación).
O prazo para a presentación de candidaturas nesta segunda convocatoria rematou o pasado venres 15 de novembro ás 14.00 horas “cunha alta participación”, explica GAIN, engadindo que máis da metade dos proxectos presentados son de Galicia (25). Amais, seis teñen procedencia en Madrid e as provincias de Barcelona e Granada concorren con dous proxectos cada unha. O resto proveñen de Salamanca, Biscaia, Palma de Mallorca, Alacante ou Valencia.
Durante a primeira semana de decembro, o comité executivo de BFAero dará a coñecer a súa escolma dun mínimo de 10 proxectos que poderán defender a súa candidatura nunha entrevista e máis no Pitch Day que se celebrarán en Lugo os días 12 e 13 de decembro. A este mínimo de 10 proxectos que superarán a primeira peneira sumaranse directamente os dous elixidos mediante a votación popular celebrada na páxina web de BFAero, que terán garantida a súa praza na entrevista e no Pitch Day. Tras a selección final, un máximo de seis startups formarán parte da aceleradora (tres en fase de incubación e tres de aceleración) e sumaranse ás seis da primeira edición que xa están a traballar en BFAero desde hai uns meses.

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha imaxe de V. Rodríguez para Economiaengalicia.com

Máis dun centenar de candidaturas en só un ano
Segundo informa GAIN, os resultados desta segunda edición confirman “o interese que esperta o sector aeronáutica e os vehículos non tripulados”. Para facernos unha idea concreta disto, en só un ano, BFAero lanzou dúas convocatorias nas que se presentaron máis dun centenar de candidaturas, 62 delas procedentes de Galicia. “Estes datos reforzan o importante papel da Civil UAVs Initiative para reter e captar talento na nosa Comunidade, que conseguiu converterse xa nun polo aeronáutico de referencia en España”, engade.
Por áreas temáticas, un 43% dos proxectos presentados están relacionados co deseño e produción de vehículos non tripulados. As tecnoloxías habilitadoras son o segundo foco temático con máis presenza nas candidaturas desta segunda edición (case un 32%), seguido dos proxectos relacionados coa obtención de datos e información e coas cargas de pago e sistemas, con case un 30% cada unha.
BFAero ofrecerá ás seis startups seleccionadas un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración. Así, terán á súa disposición titorías e asesoramento con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da CUI, oficina propia e espazos para realizar traballo colaborativo (coworking) e recibir formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio.
Os proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais poderán dispor de UAV (vehículos aéreos non tripulados) de Indra e máis de Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.

PUBLICIDADE