8BitDo presenta mandos con cable para Xbox e PC

mércores, 9 de marzo do 2022 Marcus Fernández

O popular fabricante 8BitDo vén de presentar o seu mando 8BitDo Ultimate con cable para Xbox, que é o primeiro mando da compañía co estilo dun mando de Xbox, que estará dispoñible en cor branca ou negra, e que conta incluso con botóns personalizables mediante software en Xbox, Windows, Android e iOS.
Estes mandos USB tamén contan con toma para auriculares, e poden ser unha boa opción para quen guste dos mandos con cable e queira poden conectalos a ordenadores persoais ou a consolas Xbox One ou Xbox Series X|S. O cable do mando ten unha lonxitude de 3 metros, o que sería dabondo para a meirande parte de escenarios.
Este produto conta con licencia oficial de Xbox, está previsto que saia á venda o vindeiro 31 de maio, e o prezo que figura en Amazon.com é de 41,78 euros, polo que parece unha opción máis económica que os mandos sen fíos para Xbox (que normalmente custan preto dos 60 euros).

Os novos mandos de 8BitDo son compatibles coas consolas Xbox

PUBLICIDADE