A AMTEGA notifica á Comisión Europea o seu plan de mellora de cobertura móbil

luns, 4 de maio do 2020 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (axencia AMTEGA) deu estes días un novo paso para garantir a mellor cobertura móbil posíbel nas áreas illadas, notificándolle á Comisión Europea a súa iniciativa autonómica para tal fin e solicitándolle que se fixen mínimos de calidade nos servizos de telefonía móbil.
Segundo informou AMTEGA, este trámite dá continuidade ao intercambio de información levado a cabo nos últimos meses para acadar a aprobación previa por parte da Comisión Europea e así poder levar a cabo os investimentos públicos previstos para a mellora das redes de telefonía móbil nas zonas rurais.
94 concellos
Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural, lanzada a finais de 2019 e que conta cun investimento de ata 5 M€. Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo axeitado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000€.
Unha vez se levanten as restricións derivadas do Estado de Elarma, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia (COETG) validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente co operador público galego RETEGAL, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.
Aqueles concellos que cumpran cos requisitos, carecer de cobertura e poñer e dispoñer dos terreos adecuados, integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico RETEGAL para a construción das torres e dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.
Esixencia a Europa duns mínimos de calidade
Así mesmo, co “obxectivo de garantir que as redes móbiles presten un servizo de calidade”, a AMTEGA vén de remitir á ORECE, organismo europeo que se encarga de regular as telecomunicacións na Unión Europea, as consideracións da administración galega respecto da necesidade de fixar uns mínimos de calidade do servizo que se preste por parte das redes móbiles.
A ORECE realizou unha consulta pública sobre os criterios que deben cumprir as redes para ser consideradas de moi alta capacidade. O documento presentado polo regulador europeo desbotaba impoñer condicións en determinados supostos sobre a calidade do servizo das redes móbiles. Sobre este punto, a axencia galega mostrou a súa disconformidade, “entendendo que para que as redes móbiles poidan considerarse de moi alta capacidade deben prestar un servizo que satisfaga as necesidades dos usuarios”. Por este motivo e co obxectivo “de que se teñan en conta as necesidades dos galegos e galegas no que aos servizos de telefonía móbil se refire”, a Amtega solicitoulle que modifique a súa proposta para incluír esixencias de calidade de servizo ás redes móbiles de moi alta capacidade.

PUBLICIDADE