A Biblioteca da Deputación da Coruña pon a disposición das familias 4.000 recursos online
venres, 27 de marzo do 2020
A
Biblioteca da Deputación da Coruña estase a consolidar estes días
como un dos nosos principais recursos culturais para mitigar o
encerro nos fogares: unha vía de escape da man dos libros dixitais e
todo tipo de materiais complementarios. O
seu Facebook é dende os comezos do estado de alarma un fervedoiro de
propostas, actividades e consellos de lecer, entre os que se
atopan obradoiros creativos (como o taller de plastilina de Ana
Tenreiro do 23 de marzo), receitas de cociña (como as de Matilde
Felpeto en O polbo e a súa cociña) ou encontros dixitais con
escritoras e escritores (como a
cita virtual con Ledicia Costas do mércores 25, que serviu para
falar da súa exitosa novela Infamia, entre outras cuestións).
Ademais,
a Biblioteca da Deputación lembrou que ten a día de hoxe 4.000
recursos á disposición da comunidade internauta, entre libros,
audiolibros, material de prensa, revistas, contidos educativos e
recursos lingüísticos. Para ter acceso a todo isto, só se require
unha alta no correo biblioteca.info@dacoruna.gal.
Así
definen o seu labor anti-pandemia dende a Biblioteca: “A cultura é
un dereito, pero aínda máis nestes días nos que todos estamos
confinados sen máis recursos que os accesíbeis desde os nosos
fogares, por iso queremos ser unha ventá aberta á lectura para toda
Galicia”.
Por
esta razón, e “como medida excepcional namentres dure o estado de
alarma”, permítense as altas da maneira máis sinxela: enviando
unha solicitude cuberta ao enderezo de correo
biblioteca.info@dacoruna.gal. Isto poranos ao alcance da man a
completa biblioteca dixital EbiblioDaCoruna, con máis de 4.000
recursos de balde, así como a todas as actividades do Club de
Lectura Virtual da Biblioteca da Deputación (lectura e comentario de
libros, encontros con escritores, recomendacións doutros
participantes, celebración de días especiais como o Día da
Poesía…).