A Cámara de Comercio da Coruña abre a matrícula das súas novas formacións TIC para empresas

xoves, 20 de xaneiro do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña abriu o prazo de matrícula para as actividades de formación dirixidas a empresas que terán lugar no primeiro semestre de 2022, boa parte delas centradas en diferentes aspectos das novas tecnoloxías: manexo do Excel, mercadotecnia dixital, xestión con PowerBI, etc. Esta oferta formativa ofrécese nas modalidades presencial, en streaming e en liña.
Por unha banda, na modalidade presencial, as actividades deseñadas pola Cámara contemplan cursos sobre auditorías internas e sistemas de xestión de calidade, traballo en remoto, Excel, liderado, xestión en loxística e almacén, mercadotecnia en liña ou metodoloxías áxiles para os negocios. .
Pola súa banda, as persoas interesadas en cursar unha formación en streaming, terán a oportunidade de formarse en Autocad (con obtención de Certificado Oficial Autodesk) ou PowerBI.
A formación en liña inclúe cursos de aplicacións informáticas de xestión comercial, dirección comercial e mercadotecnia, xestión de recursos humabnos, iniciación ao comercio internacional, planificación de transporte e relacións con clientes ou seguridade informática e sinatura dixital, entre outros.
A Cámara lembra que existen bonificacións no prezo da matrícula para as empresas socias que poden chegar até o 40% e, nalgúns casos, as actividades formativas teñen un carácter gratuíto ou están financiadas.
Máis información na web da entidade escribindo a formacion@camaracoruna.com ou ben chamando ao 981 21 60 72.

PUBLICIDADE