A Cámara de Santiago móstranos como preparar as nosas campañas publicitarias online de Nadal

luns, 5 de decembro do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago vai organizar este mes unha iniciativa que facilita ás pemes e aos profesionais recursos para abordar estratexias de mercadotecnia axeitadas nestas festas do remate do ano. A xornada Como preparar as túas campañas publicitarias online para Nadal? será impartido por un dos grandes expertos da nosa terra en materia de nova comunicación e transformación: Javier Rocamora. Incluirá a presentación (a cargo de Anselmo Díaz Romero) do programa Oficina Acelera PEME, de Red.es, do que forma parte esta xornada. Celebrarase o 14 de decembro en horario de 10.00 a 11.30 horas.
Os contidos son os seguintes: campañas de publicidade online (plataformas e tipoloxía de anuncios), definición do target (público obxectivo) da campaña, particularidades da campaña de Nadal, publicidade online nas redes sociais (como estruturar unha campaña, cuestións e trucos para incrementar o rendemento da campaña), publicidade en liña (como estruturar unha campaña básica de anuncios de texto, optimización das palabras chave e os textos da publicidade) e principios básicos de uso de ferramentas de comparación de artigos.
O relator será como dixemos Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 en Punto.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera PEME da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela que se inclúe en Programa Operativo Plurirrerional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es.

PUBLICIDADE