A Cátedra Telefónica celebrará en Vigo unha xornada sobre dixitalización na industria
xoves, 24 de marzo do 2022
Telefónica España e a Universidade de Vigo celebran mañá 25 de
marzo, no edificio CITEXVI do campus vigués unha xornada sobre A
innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade da
indutria.
A xornada enmárcase no Encontro Ágora, unha iniciativa que ten por
obxectivo analizar o grao de dixitalización da industria galega e
debater sobre como serán as fábricas nuns anos ou como están
evolucionando coa chegada de novas tecnoloxías como a 5G. A xornada
arrancará ás 11 da mañá coa primeira das tres mesas de debate,
que se chamará A industria nun entorno dixital e competitivo.
Nela participarán, entre outros, o director do Territorio Norte
de Telefónica España, Manuel Alonso; e o vicepresidente segundo e
conselleiro económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
A segunda mesa de debate arrancará ás 11:50 h. e chamarase A
innovación industrial e o seu futuro. Esta contará coa
participación da directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; coa directora de
Telefónica España en Galicia e Asturias, Paula Beirán, e outras
personalidades. Despois dun breve descanso, ás 12:45 haberá unha
presentación da Cátedra Telefónica e de seguido, ás 13h.
iniciarase a terceira e última mesa de debate, que abordará o uso
das tecnoloxías e a innovación en prevención de incendios
forestais. Contará coa presencia do conselleiro de Medio Rural, José
González; Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñería Industrial
da Universidade de Vigo, e máis personaxes destacados.