A Cidade da Cultura acolle unha xornada de loita contra o ciberacoso e a violencia de xénero na Rede

venres, 20 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

A violencia de xénero é un problema que atinxe a todos os niveis da nosa vida, mesmo ás novas tecnoloxías da información e os seus usuarios. No que respecta ás novas xeracións, de feito, unha boa parte da orixe destes comportamentos (actitudes machistas, discriminación, acoso) podemos rastrexala xa, latente, nas comunicacións mantidas en Internet e nas redes sociais por un número importante (e por desgraza en aumento) de mozos. Co fin de abordar esta cuestión e xuntar azos para combatela, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vai participar o vindeiro 23 de novembro nas actividades do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller (día 25) previstas na Cidade da Cultura de Santiago. Participan tamén o Valedor do Pobo e máis a Consellería de Cultura e Educación.
Tamén acudirá á xornada unha nutrida representación de adolescentes da nosa terra, mozas e mozos de entre 12 e 16 anos achegando as súas impresións sobre o ciberacoso nas aulas e sobre as medidas máis acaidas que se poden pór en marcha para loitar contra estas lacras. O encontro vai dirixido tamén aos equipos de orientadores dos centros educativos. A asistencia ao evento é mediante convite previo. Participan os seguintes centros da nosa terra: IES Castro Alobre de Vilagarcía, IES Fin do Camiño de Fisterra, IES Alfonso X O Sabio de Cambre, IES Sardiñeira da Coruña, IES Plurilingüe Xose Neira Vilas de Oleiros, IES Milladoiro de Ames e IES Xulián Magariños de Negreira. A continuación damos conta do programa de actividades.
· 10.30 h Recepción e entrega de documentación
· 11.00 h Inauguración
Milagros Otero Parga. Valedora do pobo
Manuel Corredoira López, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Pablo Cameselle Martínez. Adxunto da Valedora do Pobo
· 11.30-12.30 h. Relatorio: A Policía Nacional nas redes sociais, novas ferramentas de interacción cos adolescentes Carolina González García. Inspectora Community Manager do Corpo Nacional de Policía
· 12.30 h- 12.45h Pausa café
· 12.45 h -14.00 h Mesa redonda: O sexting como práctica de risco entre os menores
Modera: Pablo Cameselle Martínez. Adxunto á Valedora do Pobo
Interveñen:
Fernando Suárez Lorenzo, Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
Adelino Pose, director IES Xulián Magariños de Negreira e membro do Consello Galego de Convivencia Escolar (representante dos directores)
Teresa Egerique Mosquera, doutora da Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra (Universidade de Vigo)
Sonia Rodríguez-Boente. Profesora de Filosofía do Dereito (Universidade de Santiago)
· 15.30 h-16.30 h SESIÓNS DE TRABALLO
Sesión 1: Violencia e control. Modera: Fernando Suárez Lorenzo, Presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia
Sesión 2: Xestión da intimidade. Modera: Teresa Egerique Mosquera, doutora na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra da Universidade de Vigo
Sesión 3: Prevención do ciberacoso (orientadores) Modera: Fátima García, xefa do Servizo de Formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
· 16.30 h -17.00 h Elaboración de conclusións por parte dos grupos de traballo
· 17.00-17.30 h Lectura de conclusións Coordina: Sonia Rodríguez-Boente. Profesora de Filosofía do Dereito da Universidade de Santiago
· 17:30h Clausura e peche.

PUBLICIDADE