A Comisión Europea investiga prácticas anti-competitivas da industria dos videoxogos

domingo, 7 de abril do 2019 Marcus Fernández

A Comisión Europea persegue dende hai tempo a consecución dun Mercado Único Dixital dentro da Unión Europea, pero está a atopar moita oposición por parte de distintas industrias, entre as que non falta a dos videoxogos, de xeito que tiveron que advertir a Valve, compañía responsable da plataforma de videoxogos descargables Steam, e a cinco editores de videoxogos, do feito de que non estaban a respectar os dereitos cos consumidores á hora de mercar videoxogos con liberdade e en competencia en calquera país da Unión Europea.
A comisaria Margrethe Vestager, responsable de competencia, asegura que «os consumidores europeos deben ter o dereito de mercar e xogar a videoxogos que queiran sen importar onde vivan na Unión Europea. Non debe impedirse que compren en calquera Estado membro para atopar a mellor oferta posible. Valve e 5 editores de videoxogos para PC teñen agora a oportunidade de responder ás nosas preocupacións».
Os editores aos que fai referencia a responsable da competencia na Unión son Bandai Namco, Capcom, Focus Home, Koch Media e ZeniMax, que estarían a quebrantar a lexislación comunitaria ao incluír nos seus acordos de distribución limitacións contractuais á exportación. Deste xeito impídese que os consumidores poidan mercar certos xogos de PC en soporte físico ou descargable a outros países europeos onde podería resultarlles máis atractiva a compra economicamente.
No caso de Valve, a compañía leva tempo empregando bloqueos xeográficos nos seus códigos de activación, para impedir as compras transfronteirizas, evitando así que os consumidores europeos poidan aproveitar os prezos reducidos dos que gozan nalgúns mercados da Unión Europea como República Checa, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Eslovaquia e Romanía.

PUBLICIDADE