A Competición de Robots reuniu a máis de 800 mozas e mozos na Escola de Enxeñería Industrial

venres, 28 de abril do 2017 Redacción

Finalmente desenvolveuse este venres a terceira edición da Competición de Robots na Escola de Enxeñaría Industrial do Campus de Vigo no que participaron máis de 800 mozas e mozos, sobre todo procedentes de centros de secundaria e bacharelato da nosa terra, poñendo en xogo cadanseu maxín e capacidade de innovación. En total, formáronse 170 equipos divididos en dúas categorías, Wall-E, dirixida ao alumnado de estudos medios, e R2D2, orientada a titulacións superiores e a universitarios. O seu lugar de operacións: o hall da escola, onde amosaron os seus enxeños nos tapices de xogo. Centros de Vigo, Brión e Santiago acadaron os premios nas categorías Wall-E e R2D2.
Na primeira modalidade o equipo Illuminati Confirmed do IES Alexandre Bóveda de Vigo foi o vencedor dos centros de 1º e 2º da ESO; o equipo Brión 4 do IES de Brión de 3º e 4º da ESO e o equipo Rosalía 4 do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela de 1º e 2º de Bacharelato. Mentres, na categoría R2D2 o premio foi para o equipo Festo Fluidsim formado por alumnado do Ciclo de Automatización e Robótica Industrial do Colegio Montecastelo.
Nesta edición, o xurado do premio á orixinalidade entregou un galardón por cada categoría "ante a enorme imaxinación e creatividade das propostas". Así, o equipo The Bugs do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, acadou o premio de 1º e 2º da ESO; o equipo Microondas do IES San Rosendo de Mondoñedo o de 3º e 4º da ESO; o equipo Casanovas 1 do IES Sofía Casanova de Ferrol o de 1º e 2º de Bacharelato do equipo Marmini Robot do IES San Paio de Tui o premio da categoría R2D2.
Logo de rexistrase nos lugares correspondentes e realizar varias probas para facer os últimos retoques nos robots, a media mañá deron comezo de xeito simultáneo en 13 tapices diferentes as dúas probas correspondentes á categoría Wall-E, nas que participaron 155 equipos, dos cales 82 eran de ensino secundario e 73 de bacharelato.
O rastrexo, un dos exercicios, consistía en seguir o percorrido de liñas rectas e curvas trazadas no tapiz, mentres que na proba do varredor, os robots tiñan que moverse nun trazado dun metro de diámetro e recoller dúas latas de refresco, que debían deixar fora do circuíto no menor tempo posible. Un pouco máis tarde foi a quenda para os 17 conxuntos inscritos na modalidade R2D2, compostos por tres compoñentes, e que procedían de titulacións superiores, aínda que este ano como novidade competiron tamén dez equipos de 1º de Bacharelato. Preto do mediodía, disputáronse tres probas individuais, rastrexo e varredor, similares ás da categoría de Wall-E, e a proba do labirinto, con máis obstáculos a sortear, e por último, competiron tamén nunha proba colectiva.

PUBLICIDADE