A Coruña dixitaliza o acceso ás instalacións deportivas da cidade

xoves, 6 de maio do 2021 S. P.

O Concello da Coruña dixitaliza o acceso ás instalacións deportivas da cidade, buscando facilitar o traballo das entidades deportivas e a toda a súa contorna asociativa. A medida foi dada a coñecer pola concelleira de Deportes, Mónica Martínez, xunto co director de Cluber, Diego López, sendo Cluber unha nova aplicación que permitirá levar a cabo o traballo dos clubs deportivos de xeito telemático. Farao “impulsando a dixitalización do deporte coruñés”, sinalaron.
A iniciativa busca botar unha man nun intre complexo: “A COVID está xerando ás entidades unha gran carga administrativa que se ven obrigadas a recoller diariamente os datos persoais de todas as persoas asistentes aos adestramentos, partidos ou torneos". Deste xeito, sinalaron, “desde o Concello e grazas á empresa coruñesa Cluber imos facilitarlles todo este traballo e adecualo ao século no que vivimos".
A nova aplicación permitirá dixitalizar o acceso ás instalacións deportivas, reducindo o uso do papel e fomentando a sustentabilidade; reforzará o cumprimento da normativa vixente de protección de datos en todas as instalacións deportivas; e contará coa información en tempo real dos accesos aos recintos deportivos para un uso interno e para llela facilitar ás persoas usuarias.
Para conseguir impulsar este proceso de transformación do deporte coruñés, o Concello ofrece a todos os clubs as seguintes solucións: licencia da app de control de accesos de Cluber, formacións especializadas e material didáctico, soporte técnico e asesoramento por chat para asegurar o éxito na implantación do sistema, redución do papel e da xestión manual para o persoal directivo das entidades; e facilidades para as familias, deportistas, socio/as e persoas afeccionadas dos clubs grazas ao uso das tecnoloxías dixitais máis avanzadas.

PUBLICIDADE