A Coruña inicia este martes a gravación ao vivo dun podcast sobre María Casares

venres, 1 de xullo do 2022 S. P.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) está a colaborar co Concello da Coruña na organización de diferentes actividades para conmemorar a figura de María Casares no ano do seu centenario e “co obxectivo de apoiar a dinamización da exposición retrospectiva sobre a actriz que acolle o Kiosko Alfonso até o 24 de xullo”. Parte destas actividades poñen o foco nas novas canles, formatos e ferramentas de comunicación. Nesta liña, o vindeiro martes 5 de xullo celebrarase a primeira das tres sesións de gravación dun podcast biográfico sobre María Casares.
Baixo o título María Casares: Da Coruña a Residente privilexiada, este ciclo de gravacións analizará polo miúdo a traxectoria da actriz dende diferentes prismas grazas á condución de María Lopo, que contará co acompañamento de lecturas dramatizadas coas que diferentes intérpretes asociadas á AAAG lles darán voz a textos escritos pola propia Casares. As tres sesións celebraranse no auditorio do segundo andar do Kiosko Alfonso os martes 5, 12 e 19 de xullo ás 19.00 horas e estarán abertas ao público. O acceso será gratuíto até cubrir a capacidade do recinto.
A sesión deste martes abordará os anos da nenez que Casares pasou na súa Coruña natal e a visión de Galicia que conservou ao longo da súa vida.
Nacida en 1922, a filla de Santiago Casares Quiroga e Gloria Pérez Corrales viviu a nenez a medio camiño entre a casa familiar da Rúa Panaderas e Montrove, onde pasou os veráns con longas xornadas na praia de Bastiagueiro. As primeiras amizades, os espertares, as relacións familiares coa cidade e a marcha en 1931 a Madrid serán algúns dos aspectos tratados por Lopo, que nesta primeira sesión contará coas lecturas da actriz Cora Velasco.
O martes 12 de xullo será a quenda do exilio. O inicio da Guerra Civil, a fuxida a Francia, a súa condición de refuxiada primeiro e de residente privilexiada despois ou o seu regreso teatral frustrado (e frustrante) coa peza O adefesio, de Rafael Alberti, serán algunhas das claves desta cita na que tamén intervirá a actriz Rebeca Solla.
O ciclo rematará o martes 19, cunha xornada dedicada á súa carreira teatral. A gravación dese día porá o foco na prolífica traxectoria da actriz na escena gala. A súa estrea en 1942 no Teatro Les Mathurins, a súa pegada no histórico Festival de Avignon, os seus anos na Comedia Francesa, o seu paso polo Teatro Nacional Popular ou os seus traballos con autores como Albert Camus ou Jorge Lavelli serán os fitos principais desta sesión na que participará, xunto a Lopo, a actriz María Francelina.

PUBLICIDADE