A Coruña reestrutura a súa web para poñela máis preto da cidadanía

venres, 24 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Se houbese algunha barreira comunicativa entre a páxina web do Concello da Coruña e a cidadanía, o Goberno local vén de facer un esforzo por eliminala a través da fórmula do sinxelo, o intuitivo, o participativo e o accesíbel. Así se presentou esta semana a nova feitura de coruna.gal, cuxos detalles foron dados a coñecer polo concelleiro de Réxime Interior, José Manuel Lage, quen mostrou a súa arela de lograr que ao final do mandato a metade da cidadanía realice os seus trámites de maneira telemática. Segundo engadiu, a nova web está concibida para ser plenamente empregada dende os dispositivos móbiles, xa que, máis do 50% da cidadanía acceden á web a través do seu smarthpone.
O obxectivo destas melloras, dixo, está en “mellorar os servizos que se prestan en Internet a través dun único portal onde están integradas todas as webs municipais”. Durante a presentación Lage explicou que a páxina é unha segunda porta de entrada ao concello: “Estamos ante un cambio de época que debe permitir á cidadanía, no menor tempo, facer xestións e atopar a información que busca, e ninguén debe ficar fóra”, dixo, recoñecendo que para acadar estes obxectivos foi preciso poñer o foco na navegabilidade, mellorándoa, e na estrutura da información. O que buscabamos, explicou, “é suprimir todas as barreiras virtuais que se atopa a cidadanía, remover atrancos e desigualdades a través da tecnoloxía".
No eido participativo lembrou que todas as páxinas levan un formulario feedback a través do cal, a veciñanza poderá suxerir melloras ou comunicar erros.
Polo que se refire aos desafíos vindeiros, o Concello ampliou a marxe de uso da sede electrónica sede.coruna.gob.es (EIDUS), da oficina virtual tributaria, do sistema de presentación e consulta de avisos, queixas e reclamacións e do portal de mobilidade, entre outras actuacións.
Traballando de maneira estreita coa cidadanía
Para materializar a renovación da web fíxose unha investigación previa e exhaustiva que incluíu enquisas á cidadanía e consultas a persoas expertas e persoal municipal que serviron para “identificar as necesidades reais”, así como as áreas de mellora da web. Deste xeito, preto de 11.900 persoas reflectiron os seus intereses, as súas opinións e demandas. Como resultado, fíxose un redeseño das seccións máis requiridas, como o asistente de temas (cun índice da información clasificada por temas para facilitar a procura da información) ou a axenda de ocio (con todos os eventos unificados nun mesmo espazo onde os usuarios e usuarias terán a oportunidade de subscribirse para recibir no seu correo electrónico a axenda de lecer da cidade).
O concelleiro, a xeito de balance, recordou tamén que o portal web municipal (33,21%) a web de información xuvenil (13,05) e a de Servizos Sociais (6,01) son os sitios en liña locais máis visitados. Amais, engadiu, os dispositivos móbiles e tabletas xa superan aos computadores como medios de acceso á web e Chrome é o navegador máis usado. Por outra banda, Lage engadiu que durante 2019 presentáronse 32.306 solicitudes telemáticas dun total de 107.307.

PUBLICIDADE