A Deputación da Coruña conmemora co 25N poñendo o foco na loita contra as violencias dixitais
venres, 25 de novembro do 2022
Baixo
o lema De Fronte á violencia de xénero, neste ano 2022 a
Deputación da Coruña está a desenvolver unha serie de actividades
encamiñadas a poñer o foco na loita contra as violencias dixitais.
"É nestas contornas tecnolóxicas onde se está dando un
incremento moi importante de ataques, que afecta a amplas capas da
sociedade, mais dun xeito maioritario a mulleres adolescentes"
asegurou
María Muíño durante a súa intervención no acto institucional
deste 25-N (Día Internacional para a Eliminación da Violencia
Contra as Mulleres), engadindo que "non podemos deixar que sexa
unha violencia invisíbel, senón que temos que analizala,
investigala, combatela e destinar recursos na prevención do
ciberbulling, do sexting, do grooming, da
sextorsión ou da pornografía non consentida".
Para
exemplificar e denunciar este tipo de situacións, trala intervención
da deputada de Igualdade, a actriz Marta Ríos puxo en escena unha
peza de micro-teatro na que representou ante o alumnado unha
situación de grave situación de violencia machista nas redes. Esta
actividade presencial, compleméntase cunha serie de vídeos
protagonizados por Melania Cruz e que están dispoñíbeis na web da
campaña defronte.gal, para
sensibilizar sobre diferentes situacións reais de violencia dixital
e ofrecer ferramentas contra o ciberacoso, o sexting,
sextorsión ou o groomin.
A
sesión no IES Puga Ramón (á que tamén asistiron o vicepresidente
da Deputación, Xosé Regueira, persoal técnico do departamento
provincial de Igualade e persoal docente do IES) rematou cunha
actuación a cargo de sete alumnas do Conservatorio Profesional de
Danza da Deputación titulada Vivas.
Dende
a entidade provincial fixeron saber que a decisión de dirixir a
campaña cara a poboación moza nas violencias dixitais baséase en
“datos estatísticos que indican que 1 de cada 5 rapaces de entre
16 e 25 anos considera que a violencia machista non existe” e
asimílana como “un invento ideolóxico creado polo movemento
feminista, e que só 4 de cada 10 considera que as desigualdades de
xénero son elevadas e causan dano ás mulleres”.
Declaración
institucional
O
pleno da Deputación, celebrado este venres 25 comezou coa lectura da
Declaración institucional do Día Internacional da Eliminación
da Violencia contra as Mulleres 2022, acordada por todos os
grupos políticos da corporación.
Entre
outros datos, a Declaración Institucional da Deputación da Coruña
recolle as "cifras alarmantes" de casos de violencia
machista neste ano 2022: 57 mulleres foron asasinadas polas
violencias machistas, 23 fillos e fillas quedaron orfos e un menor
foi asasinado por violencia vicaria, segundo o conxunto dos datos
oficiais coñecidos ata o momento.
"Os
crimes machistas son perdas inasumíbeis nunha sociedade avanzada e
moderna", recolle o documento institucional, que tamén pon o
foco en que "estamos ante unha cuestión de Estado, de saúde
pública e un grave atentado aos Dereitos Humanos. Temos diante unha
realidade innegábel que nos interpela a todos e todas a unha acción
firme en prol da erradicación da violencia contra as mulleres e das
actitudes sociais que a toleran, a xustifican, ou mesmo a banalizan.
Debemos intensificar esforzos para combater o machismo e condenar
todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen
as violencias machistas".
Nesta
declaración, a Deputación ratifica o compromiso co Pacto de Estado
contra a Violencia de Xénero, lembrando a necesidade de continuar
avanzando no seu desenvolvemento e reivindicando o papel que xogan as
entidades locais. Tamén se compromete, entre outras cuestións, a
continuar traballando na ruptura do silencio, sensibilizando e
concienciando á cidadanía do problema estrutural que para a nosa
sociedade supón a violencia machista; demanda a utilización de
todos os recursos que sexan necesarios na asistencia, axuda e
protección das vítimas e dos seus fillos e fillas; e recolle un
compromiso expreso co mantemento do programa de subvencións, posto
en marcha pola Deputación da Coruña, a concellos e outras entidades
locais para o financiamento de persoal técnico axentes de igualdade
e ao programa de financiamento destinado a entidades que traballan
pola igualdade e na loita contra a violencia machista, para
desenvolver programas de formación, conciliación, intervención e
sensibilización.