A Deputación da Coruña participa no encontro estatal sobre destinos turísticos intelixentes

martes, 7 de xuño do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña vai participar de xeito activo na quinta edición do Congreso Digital Tourist que organiza a Asociación Multisectorial de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (AMETIC). O encargado de representar á entidade provincial neste encontro estatal sobre destinos turísticos intelixentes será o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira. A cita é este venres 10 de xuño, na Casa Consistorial de Benidorm. Contarase coa participación da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
O relatorio de Xosé Regueira enmárcase na mesa redonda que leva por título Turismo rural: el papel de las diputaciones, na que se abordará como o turismo intelixente no territorio incide no desenvolvemento económico do medio rural. Neste panel, terá unha especial relevancia como a pandemia modificou os hábitos turísticos e que tipo de oportunidades se derivan dese cambio, así como o papel das administracións provinciais na promoción dun turismo sustentábel, competitivo e accesíbel.
O vicepresidente da Deputación da Coruña compartirá mesa redonda cun representante da Deputación de Alacante, coa deputada de Turismo da Deputación de Cáceres, Patricia Valle, e co asociado de AMETIC, Ignacio Albendea. A mesa estará coordinada por Javier Martínez Belotto, coordinador do grupo de traballo Pueblos digitales sostenibles da AMETIC.
O Congreso Digital Tourist reúne a responsábeis sectoriais do ámbito da empresa dixital e a representantes políticos e administrativos a nivel estatal, autonómico e provincial. En total, celebraranse doce mesas redondas e relatorios que abordarán, entre outras cuestións, como a tecnoloxía actual permite detectar patróns de comportamento, controlar aforos nos principais puntos de concentración turística, como abordar a transición turística sustentábel en materia de redución da pegada de carbono e de consumos de auga, ou como promover un turismo de interior consciente baseado na riqueza cultural, patrimonial e de natureza dos distintos territorios.

PUBLICIDADE