A Deputación de Lugo abrirá web de turismo con todos os recursos e atractivos da provincia

xoves, 13 de xullo do 2017 Redacción

A ponte da vila de Navia de Suarna, nos Ancares

Onte presentouse na sede da Deputación o Plan Estratéxico de Lugo 2017-2020, unha iniciativa artellada baixo o slogan Lugo Cambia e que centra boa parte das súas liñas de traballo no turismo etnográfico, de natureza e de cultura. Segundo se fixo saber na cita, na que participaron a maior parte dos alcaldes dos 67 concellos da provincia, no desenvolvemento de plan participaron máis de 250 axentes de Lugo. Como dixemos, unha parte importante da iniciativa centra os seus obxectivos no turismo: en potenciar os múltiples atractivos da provincia ao tempo que se clarifica a información, faise marca e incídese en impulsar a provincia a través das novas tecnoloxías dixitais.
Por unha banda, establécense cinco xeodestinos: Lugo-Terra Cha (para impulsar o turismo da auga, o patrimonio arqueolóxico, o ecoturismo ou o turismo agroalimentario); a cidade de Lugo (para visualizar as súas pegadas romanas, as súas grandes festividades, o termalismo ou o turismo accesíbel), A Ribeira Sacra (impulsando as súas potencialidades no ecoturismo, no patrimonio arquitectónico ou no turismo fluvial), A Mariña (potenciando os seus atractivos como destino litoral, a gastronomía, o turismo mariñeiro e os grandes acontecementos), e Ancares-Courel (apostando aquí polo turismo científico, o etnográfico e o ecoturismo).
A respecto de todo isto, a Deputación de Lugo creará páxina web de turismo onde se poderán atopar os recursos patrimoniais, naturais e culturais da provincia. Ademais, nela será posíbel achar paquetes gastronómicos, rutas de sendeirismo e escapada, recomendacións e informacións de interese. Segundo explicou o presidente da Deputación, Darío Campos, “poremos en marcha un plan de sinalización vinculado ás novas tecnoloxías, mellorando a accesibilidade aos recursos turísticos da provincia, e tamén impulsaremos eventos relacionados coa gastronomía coa creación duns premios provinciais e unha ruta gastronómica na provincia”. Asemade, crearase unha gran axenda cultural, engadiu.

PUBLICIDADE