A Deputación de Lugo acolle un curso sobre ciberdelincuencia

xoves, 31 de marzo do 2022 Anxo Sesto

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores 30 de marzo, na apertura dun curso de formación sobre ciberseguridade e ciberdelincuencia celebrada no Pazo de San Marcos. O encontro, organizado polo Sindicato Unificado de Policía, celebrouse en xornada de mañá para un público xeral, e de tarde, para un público máis especializado.
García Porto puxo en valor “o compromiso da Deputación coa formación e a divulgación do coñecemento, xa que coa xeneralización do uso do móbil, do correo electrónico e das redes sociais aumentaron os casos de ciberdelincuencia”. Tamén indicou que acoller este curso neste Salón de Actos de Lugo é moi indicado debido ao amplo índice de envellecemento da poboación da zona e ás carencias dixitais que isto implica á hora de padecer ciberdelincuencia. “A rapidez coa que se expande a tecnoloxía e a inmediatez do seu uso vólvennos, ás veces, menos prudentes do que deberíamos á hora de tomar precaucións para evitar ser vítimas deste tipo de condutas delitivas”, asegurou Pilar García Porto. Neste sentido, a Deputada recoñeceu “o magnífico traballo que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado; non só loitando directamente contra certos delitos, senón tamén axudando a tomar conciencia entre a cidadanía de cales son as condutas necesarias para evitalos”
No acto de presentación tamén participaron, entre outros, a Subdelegada do Goberno de Lugo, Isabel Rodríguez López; o Comisario Xefe de Operacións da Comisaría de Lugo, Luis Miguel Romera Pérez, e o xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial de Lugo, Moisés Muñiz García.

PUBLICIDADE