A Deputación de Lugo dá un novo paso a prol da transparencia

venres, 4 de marzo do 2016 Redacción

A Deputación de Lugo vén de facer reconto do acadado até o de agora co seu Portal de Transparencia, unha iniciativa destinada a introducir unha firme alicerce de bo goberno na actividade da institución e dos concellos. Segundo fixo saber, logo de varios meses de operatividade do dito portal, 43 Concellos da provincia sumáronse a esta ferramenta web. O dato foi dado a coñecer na presentación da Comisión Provincial de Transparencia da Deputación, segundo fixo saber o voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, “a primeira das súas características a nivel galego”. A Comisión, engadiu, é un novo paso no camiño achandado xa co devandito portal.
O voceiro explicou que este novo órgano estará composto por 5 membros; un alcalde dun concello de máis de 10.000 habitantes e outro de menos de 10.000, que serán elixidos democraticamente entre os 43 rexedores dos municipios sumados ao Portal de Transparencia. Tamén formarán parte da comisión un representante da Deputación e dous técnicos do organismo provincial.
Santos Ramos salientou que “a primeira función da comisión será, ademais, de coordinar todas as actividades e informacións que deben facerse públicas no portal; mellorar o Código de Bo Goberno, que xa ten adiantado a Deputación; así como crear un Regulamento de Participación Cidadá, que se incluirá no propio Regulamento Orgánico da Deputación co obxectivo de afondar na transparencia e na participación cidadá na xestión provincial”.
Os 43 devanditos concellos son Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Muras, Triacastela, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Trabada, As Nogais, Navia de Suarna, Baleira, Riotorto, Samos, O Páramo, Cervantes, Rábade, Portomarín, Meira, Pol, O Incio, Paradela, Xermade, O Valadouro, Lourenzá, Sober, A Pontenova, Abadín, Baralla, Láncara, Becerreá, Begonte, A Pastoriza, Quiroga, Palas de Rei, Monterroso, Mondoñedo, Friol, Castro de Rei, Guitiriz, Chantada, Viveiro e Monforte de Lemos.

PUBLICIDADE