A Deputación de Lugo e o Foro Maruxa Mallo converten os faladoiros feministas en ciberfaladoiros

xoves, 22 de outubro do 2020 S. P.

Os Faladoiros Feministas, organizados pola Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, retómanse de novo este venres 23 de outubro transformados en sesións virtuais de comunicación e de debate interactivo: convertidos en Ciberfaladoiros. O obxectivo desta nova andaina (unha adaptación plena á nova normalidade, ampliando audiencias a través da Rede) segue a ser o mesmo que alentou a iniciativa orixinal, pero reforzado polas posibilidades comunicativas da Internet: xerar debate sobre óptica da igualdade, implicando á veciñanza dos concellos da provincia.
O primeiro Ciberfaladoiro Feminista, que quedara aprazado no mes de marzo pola declaración do Estado de Alarma, abordará a temática do feminismo e a maternidade e estará dirixido pola xurista e activista Marta Busquets.
Entre os puntos que está previsto abordar neste encontro dixital están os seguintes: a conciliación; o embarazo; o parto; a crianza; a maternidade como feito social, económico e político; e as repercusións de decidir ser nais ou non, entre outros. Marta Busquets é licenciada en Dereito e especializouse en Dereito sanitario, centrado nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como no Dereito en relación coa lactancia e a maternidade.
A retransmisión será online a través da canle de YouTube de Nomenklaturas Gestión Cultural e a participación farase a través de Whatsapp no seguinte número de teléfono: 690.117.254.
Programación
A Deputación de Lugo, xunto co Foro Feminista Maruxa Mallo, continúan impulsando esta iniciativa que ten como obxectivo conectar o feminismo coa veciñanza da provincia de Lugo, propoñendo alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas. A institución provincial colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa difusión a través de redes sociais e dos Servizos Audiovisuais provinciais.
Os Ciberfaladoiros continuarán o 20 de novembro con Carmen Castro, especialista en Políticas Europeas de Xénero e en Estratexia de Mainstreaming de xénero, ademais de experta internacional en Igualdade de Xénero e empoderamento das mulleres na Administración Pública.
O seguinte Ciberfaladoiro será o 27 de novembro. Será un encontro no que Mabel Lozano presentará por primeira vez en Galicia o seu novo libro PornoXplotación. Mabel Lozano é guionista e directora de cinema e desenvólvese como unha voceira contra a trata e a explotación sexual. É autora de varios libros, como El Proxeneta e o que presentará nos Ciberfaladoiros.

PUBLICIDADE