A Deputación de Lugo entrega os diplomas aos nosos novos talentos dos contidos audiovisuais

martes, 22 de xuño do 2021 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, entregou este martes 22 de xuño os diplomas da 17ª promoción dos ciclos de Realización e Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da institución provincial, a antiga Fundación TIC. Un total de 23 alumnos e alumnas puxeron fin a súa formación co acto que tivo lugar no salón de actos do Pazo de San Marcos e no que participou tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
O presidente lembrou que a institución provincial adicada cada ano 1,5 millóns de euros ao funcionamento do Centro de Formación de Audiovisuais, un espazo referente a nivel galego e estatal en materia de creación de contidos e novas tecnoloxías da información.
Tomé sinalou tamén que a Deputación de Lugo traballa para que o alumnado “saia do noso centro coa mellor formación e para que, con eses coñecementos, poida entrar con máis garantías no mercado audiovisual, un sector que cada vez ten máis peso na nosa provincia e en Galicia, e que require de bos profesionais”. Asemade, defendeu un modelo de formación da Deputación que posibilita “as prácticas en escenarios reais”, nunha “aposta decidida por unha formación pública de calidade e accesíbel a todos os mozos e mozas con vocación audiovisual, independentemente da situación económica das súas familias”. Neste sentido, puxo en valor o traballo dos estudantes de 1º dos ciclos de Produción e Realización encargados da organización e a retransmisión do acto vía streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación.
O acto incluíu, ademais da entrega de diplomas, a proxección de dous vídeos: un cunha compilación dos traballos elaborados polos 23 titulados e tituladas da XVII Promoción do Centro de Formación Audiovisual, e outro cos mellores recordos que teñen da Escola.
José Tomé avanzou que o curso que vén a matrícula continuará a ser gratuíta. Dende este mércores, 23 de xuño, e ata o 2 de xullo, estará aberto o prazo de prescrición. O período da matrícula será do 14 ao 30 de xullo. Na páxina web provincial os interesados poden acceder a toda a información sobre os ciclos audiovisuais da Deputación.

PUBLICIDADE