A Deputación de Lugo quere que os drons de atención cardíaca do Camiño se estendan ao rural

mércores, 26 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo quere combater con tecnoloxías o despoboamento do rural e os problemas de desatención e illamento que pode provocar este proceso en determinadas áreas concretas da Galicia non urbana, máis polo miúdo da provincia de Lugo, unha das máis castigadas do eido estatal en materia de baleirado demográfico. Se os días pasados falamos dos esforzos feitos pola entidade provincial para mellorar o equipamento do servizo de teleasistencia, este martes 25 a Deputación deu a coñecer unha proposta súa para conseguir que os drons que o Executivo autonómico empregará para atender aos peregrinos con problemas cardíacos (a través de desfibriladores transportados neses vehículos aéreos) sexan tamén incluídos na atención sanitaria do noso rural.
A proposta, que será levada a pleno esta semana, baséase no convencemento, por parte do Goberno provincial, de que o programa autonómico de drons para dar cobertura aos peregrinos “non debe limitarse ao Camiño de Santiago, senón que ten que se propor como unha opción para explorar a mellora na atención sanitaria en caso de doenzas cardíacas ou doutro tipo de patoloxías nas que a intervención rápida resulta fundamental”. E máis tendo en conta a sinxeleza e a eficacia dos aparellos aéreos non tripulados incluídos no proxecto, preparados para cubrir os 160 quilómetros do Camiño Francés en Galicia e dispostos para que os acompañantes da persoa que requira o desfibrilador reciban asesoramento continuo por parte do persoal Central de Coordinación do 061.
A Deputación sostén que a incorporación tecnolóxica que supoñen os drons, combinada co programa Lugo, provincia cardioprotexida, posto en marcha pola institución para dotar a 49 concellos de desfibriladores e formación para o seu uso, e coordinada coa rede de centros sanitarios, unidades móbiles e ambulancias, “pode supoñer unha ferramenta importante para garantir os tempos de resposta máis rápidos en zonas de difícil acceso”.
Amais, fontes da entidade provincial explican que “o uso das novas tecnoloxías pode abrir un novo campo á hora de achegar a atención sanitaria ás persoas residentes en zonas rurais de poboación dispersa ou acceso complexo. Os servizos sanitarios son un factor capital á hora de fixar poboación no rural e cómpre explorar todos os camiños de mellora para contribuír a frear e reverter os procesos de despoboamento”.
Coa moción, o equipo de Goberno solicita á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan integral que incorpore o uso de drons á prestación sanitaria pública; dotar da correspondente partida orzamentaria ao devandito plan; e establecer os mecanismos de coordinación necesarios.

PUBLICIDADE