A Deputación de Ourense creará oficinas para facilitar a transición dixital de pemes, autónomos e emprendedores no rurais

xoves, 11 de agosto do 2022 S. P.

A Deputación de Ourense deu este mes de agosto un novo impulso ao seu proxecto AcelerOU, programa que espallar e fortalecer a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes, persoas autónomas e emprendedores da provincia. Este programa converteuse nun dos beneficiarios da convocatoria de axudas para a creación da Rede de Oficinas Acelera Peme, aportando parte do orzamento previsto. Manuel Baltar reuniuse co director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez, para avanzar nun proxecto que busca axudar "na transformación da economía e da sociedade cara a unha contorna dixital, un movemento imprescindíbel para fixar poboación e seguir potenciando o rural", explicou o presidente.
Baltar tamén enxalzou “o excelente labor dos técnicos da Deputación no deseño de plans e programa co potencial necesario para captar fondos comunitarios", e encadrou AcelerOU dentro do traballo do Goberno provincial pola "vertebración territorial, a loita contra a fenda dixital e a igualdade de oportunidades, así coma dentro da nosa aposta por apoiar e acompañar a pemes, autónomos e emprendedores de Ourense".
O presidente tamén lembrou que AcelerOU conta co respaldo de concellos e apoios como a Universidade de Vigo, asociacións de desenvolvemento rural e entidades vinculadas á innovación e a tecnoloxía. En concreto, salientou o apoio de entidades potencialmente demandantes de tecnoloxía (CEO, Confederación de Empresarios de Hostalería, Consellos Reguladores, etc), vencelladas ao coñecemento e a oferta tecnolóxica (Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, o Clúster TIC, a Tecnópole...), entidades autonómicas de apoio á innovación coma a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), así como asociacións de desenvolvemento rural. Tamén destacou o respaldo de entidades enfocadas á muller, como a Asociación Galega de Mulleres Rurais ou Executivas de Galicia, nun programa “que ten coma un dos seus principais obxectivos potenciar a participación das mulleres nas actividades propostas para fomentar o autoemprego feminino”, dixo.
Baltar e Suárez explicaron que o proxecto AcelerOU terá unha duración de 24 meses e abranguerá “un amplo abanico de temáticas con relación á dixitalización dos usuarios”. Entre outros eidos, traballará na estratexia e cultura dixital; a relación co cliente: visibilidade e comercialización; procesos internos; novos produtos e servizos e seguridade informática. Todas estas temáticas serán abordadas a través dunha ampla serie de tecnoloxías e ntre os obxectivos inclúese tamén o asesoramento e apoio en todo o relacionado cos trámites do programa Kit Dixital.
Para levar a o porto todos estes feitos combinarase o traballo dunha oficina física permanente nas instalacións do INORDE en Xinzo e unha oficina itinerante, con estadías semanais en municipios de todas as comarcas ourensás. Ademais, establecerase unha oficina virtual, aberta 24 horas ao día os 7 días á semana e que combina un sistema de chatbot conversacional cunha interacción dentro dun contorna web tipo ou mediante a recreación dun espazo de realidade virtual 3D.
O proxecto implementará xornadas de sensibilización e de apoio para a introdución e uso de tecnoloxías da comunicación e da información innovadoras, favorecendo a súa incorporación nos seus procesos produtivos e de xestión co seu Concello. Amais, desenvolveranse sesións de networking para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica relacionada coa transición dixital.

PUBLICIDADE