A Deputación de Pontevedra achega 5 obradoiros dentro do programa SmartPEME

luns, 5 de xuño do 2023 S. P.

Será ao longo desta semana cando teñan lugar cinco novas accións formativas dentro do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas da Deputación da Pontevedra. Os ditos obradoiros, que se celebrarán de xeito telemático e presencial, xirarán arredor de ciberseguridade e uso da VPN, fabricación dixital, debuxo 3D con Onshape V–Assembly I, campañas de mercadotecnia con influencers, promoción a través de Pinterest e mellora da reputación en liña dun establecemento turístico.
Indo aos obradoiros, este luns 5 de xuño, as 10h inaugurábanse con: Ciberseguridade, uso da VPN, co obxectivo de fomentar a utilización da VPN coñecendo os seus beneficios e o seu funcionamento. No taller telemático abordarase o seu uso, cales son as opcións gratuítas e como se configura. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire será o encargado de impartir a formación.
Mañá, martes 6 de xuño terá lugar o obradoiro Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape V – Assembly I, que consta dun itinerario formativo dividido nunha primeira parte teórica en liña e unha segunda parte presencial, con prácticas no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro (Pontevedra). Aquelas persoas que participen formaranse de xeito teórico no manexo de debuxo 3D con Onshape (16h), impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina e escáner 3D (2h). As prácticas consisten no uso de impresoras 3D filamento (8 h), impresoras 3D resina (8 h) e escaneo 3D (4 h). Manuel Freire será de novo o docente encargado da formación.
O mércores 7 de xuño, as 12h comeza o taller Como facer campañas de márketing con influencers, que abordará aspectos como: en que consiste, as plataformas que se empregan, os tipos de influencers, os beneficios que achegan este tipo de campañas e os consellos para mellorar a súa efectividade. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, experta en dirección en comunicación corporativa e con ampla experiencia en comunicación e en mercadotecnia dixital, será a encargada de impartir a formación.
O xoves 8 de xuño realizaranse dous obradoiros telemáticos. Pola mañá, as 12h, Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de márketing e dirección comercial, con 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web, impartirá Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest, a través do cal as e os participantes poderán tirar o máximo proveito a esta rede social. Pola tarde, ás 17h, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas con experiencia en dinamización e formación turística, será a encargada de explicar Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico, familiarizando ás persoas participantes cos portais de opinión, as ferramentas de monitorización e técnicas de mercadotecnia para que resulte beneficioso para a empresa.

PUBLICIDADE