A ESEI acollerá os encontros de cultura dixital Decembro Maker Talks

mércores, 7 de decembro do 2022 S. P.

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá os días 16 e 17 de decembro os encontros de cultura dixital Decembro Maker Talks, organizados pola Deputación de Ourense no marco do proxecto transfronteirizo Emprende Makers. O evento centrarase na innovación e a tecnoloxía, “desde unha perspectiva didáctica e práctica”, informaron fontes da Uvigo, engadindo que neste escenario abordaranse temas como a Internet das cousas, a robótica, a mpresión 3D, a ciberseguridade e os videoxogos.
Decembro Maker Talks foi presentado este mércores 7 de decembro nas instalacións universitarias por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Na súa presentación, os representantes institucionais destacaron “que a iniciativa dá continuidade e pulo á sinerxía de colaboración xa existente entre a institución académica e a provincial, neste caso no marco dun proxecto transfronteirizo”.
A programación dos encontros articúlase arredor de catro eixes. O primeiro deles é Espazos Conectores e nel, as os relatores abordarán desde diferentes aspectos “o camiño que tanto as cidades grandes como as pequenas iniciaron cara á extensión no uso e desenvolvemento das tecnoloxías”. O segundo dos bloques titúlase Ecosistema Dixital. Do hacker ao maker, no que se presentaran proxectos como Argalleiros, a guía maker para Galicia e Norte de Portugal que ofrece un percorrido polas orixes e a filosofía do movemento Do It Yourself. Neste bloque tamén se dará a coñecer o estado actual da impresión 3D e algunhas das claves sobre a seguridade na rede da man dun experto hacker.
Negocios e Tecnoloxía é o terceiro dos eixes da programación. Nel, da man de profesionais, abordaranse cuestións como a crise actual e a transformación dixital (unha oportunidade para o cambio), as tendencias no mundo da tecnoloxía, os nichos de negocio que podemos identificar ao noso redor, os novos retos das empresas ou que podemos atopar en plataformas, redes sociais, metaverso ou Intelixencia Artificial.
Por último, Decembro Maker Talks centraranse nos videoxogos. “O ecosistema do videoxogo vai máis aló do mero entretemento: está cada vez máis presente na nosa sociedade e é un sector que non para de medrar, tanto en seareiros como desde o punto de vista económico”, explican desde a organización da cita, na que diversos especialistas se achegará a este sector desde diferentes ángulos.
O panel de convidadas e convidados inclúe membros do coworking e coliving rural Sende; do Laboratorio Digital Fab Lab de León; da Asociación Española de Empresas Desarrolladoras de Videojuegos e da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos; de PlayStation Iberia e de Multiversial, Ilux Visual Technologies e Virtual Voyagers. Tamén estarán expertos como Antonio Fernandes, avaliador de proxectos de innovación e ciberseguridade para a Comisión Europea ou Cristian Espartaco, general manager en España e Latinoamérica do club Qlash. Na sesión tamén se entregarán os premios do Concurso Talento Maker posto en marcha no marco proxecto Emprende Makers no que se convida a persoas de 12 a 30 anos a presentar as súas propostas maker.
Decembro Maker Talks forma parte do proxecto Emprende Makers, aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Liderado polo Concello de Ourense, Emprende Makers ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho.

PUBLICIDADE