A ESEI de Ourense achega as súas instalacións para participar no Hash Code 2019 de Google

xoves, 21 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Este 28 de febreiro vaise celebrar o concurso de programación Hash Code, no que Google (dende 2015) fai un chamamento a resolver un gran reto de enxeñaría a través de equipos de desenvolvedores. O certame vai ter protagonismo galego, novamente. Por exemplo o da Universidade de Vigo, cuxa Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense será un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia. Isto significa que as persoas inscritas no desafío poderán acudir ás súas instalacións para participar desde alí no certame.
Hash Code, explican desde a organización, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iníciase cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, pode competir desde calquera recanto, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.
Como dixemos, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense solicitou este ano a súa concorrencia como Hash Code Hub, presentando unha solicitude na que se explicaba o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada. Isto implica que á hora de faceren a inscrición, as persoas que o desexen poden adscribirse á ESEI e vir a competir a ela na tarde do día 28 de febreiro. O prazo para inscribirse está aberto ata o día 22 de febreiro. “Disporemos dunha sala grande onde conectaremos con Google, para seguir o certame, e incluso co outro hub galego que participa, para compartir con eles a experiencia e interaccionar”, comenta do director da escola, Francisco Javier Rodríguez.

PUBLICIDADE