A ESEI de Ourense pon en marcha un novo proxecto formativo aberto á colaboración das empresas

xoves, 12 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense vén de pór en marcha unha iniciativa para fortalecer a divulgación tecnolóxica e centrala en áreas específicas que abran novas xanelas creativas, laborais e empresariais. Estamos a falar do proxecto DojoESEI, que ten como obxectivo, en palabras da UVigo, “servir de espazo para profundar en tecnoloxías, temáticas e ferramentas que completen a formación técnica do noso alumnado”. A iniciativa, aberta ás persoas interesadas, materializarase nunha sesión semanal na que se desenvolverá unha charla ou obradoiro sobre algún foco de interese tecnolóxico específico.
Segundo explica a UVigo sobre a orixe do nome do proxecto, a palabra “dojo” é orixinalmente o termo empregado en Xapón para designar ao espazo destinado á práctica e ensino de meditación e artes marciais, un termo que tamén se está a empregar no ámbito TIC para pór nome a xuntanzas de programadores que durante unhas horas determinadas traballan nun desafío de desenvolvemento. Segundo explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, “a idea do proxecto DojoESEI é buscar un espazo onde se poida dar formación diferente e avanzada desde un punto de vista tecnolóxico ao alumnado”, formación que pode abranguer coñecementos concretos dunha ferramenta punteira ou intervencións de profesionais do sector sobre algún tema de interese concreto.
O proxecto, engaden desde a súa organización, apóiase na idea de fomentar a colaboración coas empresas TIC, de forma que os seus represenantes impartan charlas, talleres ou cursos sobre ferramentas, tecnoloxías ou metodoloxías que empregan nas súas organizacións. En DojoESEI tamén participará profesorado da propia escola ou outras organizacións.
DojoESEI nace baixo a organización da dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática retomando a idea ESEI Dojos posta en marcha no curso 2011/2012 por docentes deste centro e que consistía en obradoiros de periodicidade mensual que permitían aos membros da comunidade universitaria estar ao tanto das últimas novidades en programación e tecnoloxía. Retomando este fío, a iniciativa asúmea agora a dirección do centro.
Inicialmente, a programación terá unha periodicidade semanal, aínda que adaptábel segundo a dispoñibilidade das e dos relatores e do calendario académico. Como aperitivo a esta programación, este martes pola tarde, a escola acolleu a intervención de José Ramón Blanco Echeverría, xerente en Minsait (Indra) e profesor do Máster de Dirección Integrada de Proxectos das universidades de Vigo e Coruña, que falou de desenvolvemento de aplicacións en equipo para grandes empresas.

PUBLICIDADE