A GDC terá grandes ausencias por mor do coronavirus

venres, 21 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O Mobile World Congress non é o único evento tecnolóxico afectado polo coronavirus, e aínda que son poucas as cancelacións a nivel global, si hai grandes ausencias nalgunhas das citas, como na Game Developers Conference (GDC), que terá lugar en San Francisco entre os días 16 e 20 de marzo, e que, pese a ser o encontro de desenvolvedores de videoxogos máis importante do mundo e ter anunciado medidas de seguridade fronte ao coronavirus, padecerá, como mínimo, dúas grandísimas ausencias: a de Sony e a Facebook.
Aínda que non teñamos moi asociada a marca Facebook co mundo dos videoxogos, dado que a compañía de Mark Zuckerberg adquiriu a empresa Oculus, é o referente mundial da realidade virtual e aumentada, polo que a súa ausencia presencial na GDC farase notar, aínda que a compañía non quere deixar de lado a cita, e anuncia que pese a non viaxar fisicamente ao evento si procurarán participar remotamente, de xeito que realizarán anuncios en vídeo e participarán en sesións de preguntas e respostas en liña, de xeito que procurarán compensar a través da Internet a súa ausencia física.
A ausencia de Sony Interactive Entertainment tamén será moi importante, xa que a PlayStation vai estrear xeración de consolas este mesmo ano, polo que o interese por parte dos desenvolvedores sobre a PlayStation 5 era elevado, e saber que o temor polo COVID-19 provocará que non poidan ter información de primeira man en San Francisco será un duro golpe para moitos, pois non podemos esquecer que Sony tampouco participará no E3 de Las Vegas por segundo ano consecutivo, ou sexa, que cada vez está menos presente nos grandes eventos internacionais, optando por unha comunicación máis pechada. Sony tampouco estará presente no evento PAX East que terá lugar a semana que vén e no que estaba previsto que deixasen probar o agardado xogo The Last of Us II.
Aínda que o compromiso de Sony co E3 a longo prazo están en serias dúbidas, con respecto á GDC aseguran que estarán presentes en futuras edicións.

PUBLICIDADE