A Galipedia lanza un concurso fotográfico para achegar imaxes libres aos artigos das parroquias

xoves, 27 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A comunidade da Galipedia quere seguir cubrindo os posíbeis baleiros da enciclopedia galega online. Un destes baleiros é o déficit de imaxes libres que acompañen os artigos de parroquias de Galicia que non teñen foto. Con este obxectivo e coa finalidade de seguir facendo fincapé na necesidade de facermos fronte común para ter a máis completa Galipedia posíbel, o equipo de mantedoras e mantedores da enciclopedia vén de convocar un concurso fotográfico de lugares da nosa xeografía para engadir aos devanditos artigos locais. O certame chámase Wiki Loves Parroquias. Segundo os responsábeis da iniciativa, neste intre hai uns 700 artigos de parroquias sen imaxe.
“As imaxes son fundamentais para ilustrar os artigos xa que achegan un alto valor ós contidos; que cada parroquia de Galicia teña a súa foto é subir un pequeno chanzo no incremento da calidade da enciclopedia libre”, sinalan dende a comunidade, engadindo que as fotografías que se procuran son de todos os tipos: castros, petróglifos, torres, igrexas, mosteiros, pazos, ríos, regatos, lagoas, fontes, serras, montes, outeiros, fragas, carballeiras, árbores senlleiras, festas, romarías, feiras...
Os únicos requisitos son: que non haxa fotos no artigo en cuestión ao comezo do concurso, que as fotos se suban a Wikimedia Commons cunha licenza libre, que se amose unha imaxe que se poida identificar que é da parroquia, e que se propoña na listaxe de fotos participantes.
O prazo de presentación das fotos comeza o 1 de xullo e remata o 31 de outubro, e durante o mes de novembro escolleranse as fotos gañadoras.
Os premios son: 300 euros para a mellor foto, 200 para a segunda e 100 para a terceira, e a maiores, hai un sorteo de camisetas da Galipedia entre tódolos participantes.
Podemos consultar tódolos detalles en https://w.wiki/52e. Nesta páxina tamén podemos acceder ás listaxes de artigos de parroquias que están pendentes de ilustrar, todas elas nas provincias de Lugo e Ourense xa que as provincias de Coruña e Pontevedra xa teñen todas algunha imaxe. Nesa páxina están dispoñíbeis tamén as ligazóns ás listas de parroquias sen foto coas súas coordenadas para facilitar a súa localización.

PUBLICIDADE