A Guarda, Salceda, Moaña e A Illa avanzan en eAdministración

martes, 19 de novembro do 2019 Redacción

Esta semana a Deputación de Pontevedra vai seguir estendendo a súa formación en eAdministración a outros catro concellos da provincia: A Guarda, Salceda de Caselas, Moaña e A Illa de Arousa. O obxectivo desta programación é dar a coñecer as principais funcionalidades e transformacións máis relevantes da plataforma Gestiona da institución provincial, desenvolvida por Auloce e dirixida, no caso de Pontevedra, a integrar nas ferramentas dixitais máis avanzadas os concellos de menos de 50.000 habitantes. Recentemente impulsouse a ferramenta en Cambados, Ponte Caldelas, Tomiño, Baiona, Meaño, Vila de Cruces, A Cañiza e Poio.
En concreto, este luns 18 de novembro a acción formativa terá lugar na Guarda; o martes 19 será a quenda do concello de Salceda de Caselas; o xoves 21 chegan as xornadas a Moaña; e, por último, o venres 22 recibirá a formación o concello da Illa de Arousa. A través das sesións formativas a institución provincial vai dotar de ferramentas e de información sobre a Administración Electrónica aos novos equipos de goberno. Nelas darase a coñecer os diferentes libros de rexistro de entrada e saída, a utilización do xestor de expedientes, o acceso ás diferentes convocatorias na aplicación de órganos colexiados, activar as sinaturas electrónicas na nube e no móbil, consultar o rexistro e expedientes, visualizar os libros de actas, consultar experiencias ou presentar mocións e preguntas.
En total, este novo plan de formación vai beneficiar a 53 concellos da provincia adheridos ao proxecto. No que respecta aos 23 concellos de menos de 5.000 habitantes, as accións formativas terán lugar nas dependencias da Deputación os días 27, 28 e 29 de novembro.

PUBLICIDADE