A Hover Camera proponse como un dron persoal

luns, 27 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Coa emerxencia dos drons moitos pensamos en facer realidade fantasías de gravación de vídeo e captura de fotografías que até o momento poderiamos considerar imposibles, pero pouco a pouco este soño tropezou coa realidade, e na meirande parte do mundo xurdiron lexislacións para por cancela a estes trebellos cada vez máis baratos, pero algúns fabricantes queren que continuemos a soñar, e en vez de apostar por grandes dispositivos voadores aos que poder conectar unha cámara, pensan máis en cámaras voadoras, que operen como drons persoais, e que funcionen sen problema en interiores, de xeito que serían máis xoguetes que vehículos non tripulados, evitando así o problemas regulatorios.
Nesta liña está a ultimarse o lanzamento da Hover Camera, produto que pode controlarse co noso smartphone e que integra unha cámara capaz de disparar fotografías de 13 Mpíxeles e gravar vídeo en ultra alta definición, construído nunha estrutura encartable de fibra de carbono, polo que sería moi transportable e promete converterse en todo un éxito ao comercializarse a un prezo por debaixo dos 600 dólares.
Estamos ante un trebello desenvolvido por Zero Zero Robotics, compañía chineso-americana que leva dous anos traballando no proxecto que verá a luz en poucos meses e que inicialmente porase á venda en EE.UU. e China, para chegar un pouco despois a Europa.
Temos así que estamos cada vez máis preto de poder ter unha cámara voando ao noso redor, conseguindo así uns selfies até o momento imposibles, pero tamén podendo realizar impresionantes gravacións de vídeo en interiores, que tanto servirían para realizar filmacións controladas manualmente, seguimento de obxectivos ou imaxes panorámicas, funcionalidades que até o momento só viamos en complexos drons como os de DJI, pero que nuns meses poderían chegar ao ámbito doméstico.

Vídeo promocional da Hover Camera

PUBLICIDADE