A Industriosa é unha das sedes do prestixioso curso internacional Fab Academy

xoves, 14 de novembro do 2024 S. P.

A Asociación Tecnolóxica A Industriosa, o laboratorio tecnolóxico cidadán vigués, será un dos centros formativos do curso internacional de fabricación dixital Fab Academy, prestixiosa formación internacional de fabricación dixital coordinada polo director do Centro de Bits e Átomos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts.
O curso Fab Academy está dirixido por Neil Gershenfeld, o director do Centro de Bits e Átomos do MIT (o Instituto Tecnolóxico de Massachussets) e principal impulsor do movemento mundial do faino ti (espírito maker) aproveitando a potencia da computación e as máquinas controladas por computador, como poden ser as impresoras 3D, as fresadoras CNC (de Control Numérico Computerizado), as cortadoras láser e as de vinilo.
Na Industriosa lembran que no centro maker vigués dispoñen das máquinas, compoñentes e materiais para “sacar calquera proxecto adiante”, guiado polos instrutores locais e globais que forman o Fab Academy, ao que se suman nocións de electrónica e de aprendizaxe dos controladores robóticos tipo Arduino ou Raspberry Pi coas que controlar creacións para destinalas a labores determinados que liquiden calquera problema.
Dende A Industriosa recordan tamén que “con este tipo de máquinas os alumnos do Fab Academy poden prototipar practicamente calquera invento” e “chegar a construír as súas propias máquinas ou dispositivos, xa que o principal motivo do curso é que aprendan a levar a cabo un proxecto e documentar o proceso de realización do mesmo”. Conséguese o diploma final do curso, duns seis meses de duración, se se termina o traballo que o alumno presentou.
A formación, explican, “é perfecta para enxeñeiras e enxeñeiros de todo tipo, deseñadores de produto e arquitectas, aínda que calquera persoa seareira destas tecnoloxías emerxentes pode matricularse, e realízase en inglés, e é necesario certos coñecementos de electrónica e, sobre todo, estar presente nas clases presenciais por videoconferencias dos mércores, que consisten en presentacións do que leva feito durante o curso; aínda que tamén se pode cursar en remoto”.
Recordan ademais que o Fab Academy ofrece unha formación de “altísimo nivel que só se pode obter en España en Barcelona, León, Vigo, Cartaxena ou Cuenca nun sector cunha fortísimas posibilidades emerxentes, xa que é o núcleo do que vén a chamar Industria 4.0”.
O alumno comprenderá os fundamentos da fabricación dixital, a que se realiza convertendo os bits en átomos, é dicir: a que converte os deseños parametrizados de computador en realidade. Unha forma de fabricar as cousas que será unha das máis valoradas no futuro.
Podemos obter máis información sobre o programa na páxina web de A Industriosa. As solicitudes para estudantes xa están abertas na web da Fab Academy.