A Industriosa estrea en setembro un novo formato de xornadas abertas argalleiras

luns, 6 de setembro do 2021 S. P.

A Industriosa (Vigo) vai estrear este mes de setembro un novo formato no seu programa de actividades de divulgación, participación e cooperación tecnolóxica: o formato das xornadas abertas. Esta fórmula complementa a empregada até o comezo da pandemia, que consistía na apertura das instalacións os martes, mércores e sábado para que os socios puideran traballar nos seus proxectos, botar unha man a alguén ou ir botar unha parrafada “sen maiores pretensións”.
Agora, explican, “gustaríanos abrir tamén a outra xente interesada para que nos poida visitar os sábados de setembro de 11 a 14 horas, ver que facemos e botar unha man se se animan”.
A continuación, damos conta dalgúns dos proxectos nos que están a traballar e aos que se agarda dar continuidade:
– Sistema de apertura remota e autenticada do local de A Industriosa.
– Máquina recreativa retro-gaming baseada en SW libre (libretro, libGDX, retroarch…).
– Barco autónomo a escala, empregando proxectos de Software Libre como OpenCV, Linux, Ardupilot…
– Proxectos educativos de programación de placas de desenvolvemento en uPython.
– Proxecto para o desenvolvemento de sensor CO2 Open Source baseado no proxecto CO2box.
– Desenvolvemento de OpenPipe v2, instrumento musical MIDI OpenHardware.
Dende a iniciativa, dan a benvida a calqueira persoa que teña “algo de inquietude e nos queira visitar”. Iso si, piden que os menores de idade acudan na compaña dun adulto responsábel. E engaden: “Debido as restriccións de aforo que debemos respetar, necesitaremos que nos avisedes con antelación de que ides vir. Para iso, crearemos eventos no noso meetup”.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

PUBLICIDADE