A Intelixencia Artificial posta en xogo por R reduce nun 10% os custos das empresas

xoves, 12 de novembro do 2020 S. P.

A operadora galega R vén de facer balance do seu traballo recente en materia de Intelixencia Artificial, un ámbito de innovación que está cada vez máis presente nas nosas empresas, firmas de todos os tamaños, e así o testemuña a compañía de cable co seguinte dato: no que levamos de ano en Galicia as empresas que despregaron proxectos de Intelixencia Artificial xa no son só as grandes (firmas con máis de 250 traballadores) senón tamén medianas e pequenas.
R recorda no seu balance que a día de hoxe traballa con arredor de 300 entidades da nosa terra dos máis diversos sectores (financeiro, industrial, consumo ao por menor, etc) contribuíndo a mellorar a súa relación coa clientela, a previsión de demanda e a xestión de mercadorías a través dos máis avanzados sistemas intelixentes. En concreto, a través de recursos como Bai Analytics, foi quen de reducir en máis dun 10% os custos xerais dos negocios aos que fornece de tecnoloxías IA.
R lembra que a listaxe de beneficios que podemos obter con estas ferramentas é extensa e verase ampliada en datas vindeiras con novas vantaxes e posibilidades, por exemplo á hora de anticiparnos ao fallo dunha máquina e evitalo antes de que se produza ou á hora de predicir subas ou descensos na demanda dos produtos ou servizos que as empresas ofrecen (axustando en cada momento tanto os bens materiais como os humanos ás necesidades reais do mercado).
Ademais, lembra R, “a Intelixencia Artificial é aplicábel a practicamente todos os sectores de actividade, dende o financeiro, onde pode predicir o risco de falta de pagamento dun préstamo, ao de seguros, ao detectar fraudes ou reclamacións falsas”. Así mesmo, no sector inmobiliario axuda a establecer o prezo de venda idóneo dunha vivenda ou a identificar signos dunha determinada doenza no sector sanitario.
R asesora as empresas para facer fronte aos problemas máis comúns: a redución do tempo necesario para despregar os proxectos, a correcta monitoraxe dos modelos e a elección do proxecto de Intelixencia Artificial máis adecuado.
Bai Analytics
Ignacio Vilaplana, responsábel de Intelixencia Artificial de R e do Grupo Euskaltel, detalla deste xeito o enfoque da IA no Grupo. “A nivel interno, traballamos na normalización do uso destes sistemas. Somos un equipo pequeno, mais traballamos de forma transversal e involucramos todas as áreas da organización. Deste xeito, conseguimos unha mellora na toma de decisións para mellorar a experiencia do/da cliente/a. O noso traballo consiste en involucrar os equipos para que confíen e coñezan as predicións que posibilita a IA mediante modelos preditivos que impactan de xeito favorábel no negocio”. A nivel externo, BAI Analytics é o instrumento que R pon a disposición das empresas para que accedan a esta tecnoloxía e acometan proxectos a curto prazo e con menos investimentos.

PUBLICIDADE