A Internet das Cousas e a placa Raspbery Pi centran hoxe unha charla da GPUL School na FIC

martes, 3 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe temos un encontro na Coruña cos obxectos conectados e co software-hardware máis accesíbel, económica, técnica e tecnoloxicamente, para converternos nós mesmos en impulsores e desenvolvedores de obxectos conectados. A charla Internet das Cousas e Raspberry Pi desenvólvese este martes na Facultade de Informática da UDC en horario de 18.30 a 20.00 horas, na aula 3.2. Vén da man do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con centro de operacións na FIC, e abéirase ao seu programa de actividades de divulgación e participación GPUL School.
Nesta sesión, o grupo explicará os puntos clave sobre os procesos para configurar o microordenador Raspberry Pi e sobre como conectarlle e usar diversos sensores (por exemplo, un sensor de presenza).
A charla, que xa ten medio cento de asistentes confirmados, será impartida por Javier Vila, de Marine Instruments. Xirará arredor das posibilidades da placa de baixo custe Raspberry Pi para dar forma a proxectos innovadores de domótica e centros multimedia, de maneira sinxela e rápida.
A GPUL School complementarase en breve con outra interesante sesión, a charla OK Google, que opinas de pagar para que o buscador te espíe na túa casa?, que se vai celebrar no mesmo emprazamento o vindeiro 17 de decembro, ás 18.30 horas, da man de Pablo Castro, de Arengu.

PUBLICIDADE