A JBL Link Bar integrará Android TV e o Asistente de Google

luns, 7 de maio do 2018 Marcus Fernández

JBL e Google veñen de anuncian unha barra de son, a JBL Link Bar, que integra o Asistente de Google, de xeito que facilita o control da experiencia audiovisual mediante a voz. Así, o usuario pode dicir o programa de televisión que quere ver, o contido de YouTube que quere reproducir ou incluso os dispositivos conectados no fogar que quere controlar, para que este novo accesorio leve adiante as ordes, incluso co televisor apagado.
Un dos detalles máis curiosos desta barra de son é que integra Android TV, ou sexa, que non só sería un altofalante conectado cun asistente de voz, senón que as funcións de Smart TV estarían integradas na propia barra, polo que pode aproveitarse para dar vida a un televisor que non conte con funcións smart.
Polo momento non sabemos o prezo que terá este dispositivo, nin cando o teremos en España (principalmente porque dependerá do lanzamento do Asistente de Google para altofalantes en español), pero nos EE.UU. está previsto que saia á venda no outono.

Vídeo de presentación da JBL Link Bar

PUBLICIDADE