A Mesa e as entidades polas linguas do Estado, moi críticas coa nova Lei do Audiovisual

venres, 27 de maio do 2022 S. P.

As entidades polas linguas do Estado criticaron esta semana o contido final da Lei do Audiovisual, xa que consideran que “non responde á demanda cidadá nin á igualdade entre os e as cidadás”, poñendo o foco no que vai presentar este novo marco para a defensa das linguas co-oficiais nas plataformas de contidos: “Pequenos pasos que non garanten a igualdade lingüística¨.
Estas críticas á lei que se vai aprobar foron emitidas diante do Congreso, este xoves 26 de maio, por representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Euskalgintzaren Kontseilua (Euskal Herria), Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua, Ciemen, Acció Cultural del País Valenciá, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana, Associació Cultural Valenciana Tirant lo Blanc, Federación de Organitzacions per la Llengua (Països Catalans), Iniciativa pol Asturianu (Asturies) e Nogará religada (Aragón).
En primeiro lugar denunciaron que “se trata dunha lei que non responde á realidade lingüística existente no Estado”, engadindo que “debemos ter en conta que esta lei é unha transposición da directiva da Unión Europea precisamente para dar cabida á produción europea. Deste xeito, fuxiuse da realidade lingüística europea, dando unha presenza indigna ás linguas propias do Estado. Coidamos sinceramente que se perdeu unha oportunidade para a igualdade e que a lei invisibilizará as nosas linguas nas pantallas. É máis, perpetuarase a vulneración de dereitos” afirmaron.
Os representantes das entidades tamén fixeron referencia ao proceso de elaboración da lei, que pasou por facer achegas concretas nos anteproxectos, por trasladar aos partidos as propostas e por activar á cidadanía para demostrar a existencia dunha demanda social. E engadiron: “Se ben a presión política e social exercida polas entidades foi determinante para incluír mínimos para todas as linguas tanto nas cotas de catálogo das plataformas e retransmisións de TVE, como no financiamento antecipado, as mudanzas introducidas son claramente insuficientes e testemuñais ao representaren entre o 0,35% e o 2,55% do conxunto".
No seu comunicado, tamén denunciaron que a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o español, “sen nengunha indicación nen recoñecemento para outras linguas existentes no Estado español fóra da retórica baleira, o que impide que as crianzas, a mocidade e o público en xeral poidan gozar na súa lingua da ampla oferta dispoñíbel de programas de televisión, series e filmes”.

PUBLICIDADE