A Mesa lanza un xogo de balde para fomentar acotío o uso do galego: Pensatermos

xoves, 3 de marzo do 2022 S. P.

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou este 3 de marzo o lanzamento dun xogo de balde para “entreter e fomentar o uso do galego”. Trátase de Pensatermos, unha proposta lixeira que segue o ronsel de éxito doutros xogos lingüísticos, como pode ser o Wordle, que como sinalamos en Código Cero xa conta coa súa versión en galego, ou o Pauralògic, unha contribución de gran repercusión en Catalunya, concibida por Jordi Palau e desenvolvida por Pere Orga para RodaMots. O xogo Pauralògic, de feito, está no alicerce do Pensatermos.
En palabras da Mesa, Pensatermos é “un xogo lixeiro e gratuíto para entreterse a calquera hora do día e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio”. As palabras deben ter como mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos.
A Mesa lembra que Pauralògic chega a Galiza “despois de que varios socios e socias que viven en Catalunya fixeran chegar a petición á Mesa de facer unha versión adaptada ao galego”. A entidade galega fai saber que o devandito foi “posíbel” grazas á boa vontade dos seus creadores, que cederon o xogo para que se puidese traducir e adaptar á lingua galega. A base de datos coa que se forman as palabras foi unha contribución da Academia Galega e do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, que facilitaron de boa gana toda a terminoloxía que recollen os seus dicionarios.

PUBLICIDADE