A Mesa seguirá loitando para acadar a equidade do galego nas plataformas audiovisuais

mércores, 24 de novembro do 2021 S. P.

A raíz das novidades aparecidas nos medios en relación das presenza das linguas oficiais de España nos contidos (que apuntan a que estas só terían un 6% de presenza nas plataformas audiovisuais), A Mesa emitiu un comunicado no que manifesta que seguirá loitando para que a nova Lei do Audiovisual do Estado recolla a demanda unánime do Parlamento galego. Unha demanda de equidade e xustiza lingüística referendada polos tres partidos políticos con representación no Parlamento (PP, BNG e PSOE) e que se ten materializado en repetidas peticións para que a nova Lei “non marxine o galego e garanta a equidade na súa presenza en plataformas como Netflix”.
A Mesa sinala que "ningún acordo en Madrid sobre o audiovisual será suficiente, se non se chega ao solicitado en maio polo Parlamento galego”.
Antecedentes
En maio de 2021, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas. Esta iniciativa xa solicitaba “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”. Tamén reclamaba da Corporación de Radio Televisión Española “que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego”, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa app.
Ademais, nas alegacións presentadas pola Mesa ao Anteproxecto de Lei do Audiovisual sinalábase a necesidade de “garantir a recepción mutua entre Galiza e Portugal”, segundo o contemplado na Carta Europea das Linguas e o aprobado polo Congreso o febreiro pasado como punto da PNL pola igualdade promovida pola Mesa e outras entidades de defensa das linguas do Estado.
Situación actual
A Mesa sinala que “polo que se coñece até o momento, embora se producisen algúns avances importantes, o proxecto no que traballa o Goberno non garante condicións de equidade no tratamento das linguas cooficiais”. E engade a plataforma: “O galego non é o 6%, 10%, ou 90% de lingua que o castelán, é igual de lingua e por tanto debe ser tratado igual”, recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira.
Neste sentido, a entidade de defensa da lingua mantén a campaña que está desenvolver a favor do audiovisual en galego e dirixirase de novo “a todos os deputados e deputadas por Galiza procura da introdución de emendas que melloren a proposición de Lei tomando como base o acordo do Parlamento galego”.
Información que transcendeu
Cotas de emisións nas TV e plataformas baixo demanda: Do 30% de producións europeas, o 9% resérvase para o español e o 6% para partillar entre as demais linguas cooficiais (galego, éuscaro e catalán). Art. 113 e 114.
As dobraxes de series e filmes xa existentes a galego, éuscaro e catalán deberán ser ofertadas.
Financiamento de producións en galego, éuscaro e catalán: os OXE 2022 preverán 10,5 millóns de euros a partillar entre as 3 linguas.
Información que non transcendeu
Financiamento anticipado.
Entre 10 e 50 millóns de ingresos, as plataformas destinarán parte a financiar producións europeas directamente ou a través do fondo de protección da cinematografía. Non se especifican linguas (art 115).
Con máis de 50 millóns de ingresos, destinarán 5% a financiar producións independentes das que o 40% garántese só para o español (art 117).
As televisións destinarán o 6% mais só se garante para o español (art 116).

PUBLICIDADE