A Mi Box S quere potenciar o uso do Asistente de Google e de Netflix

mércores, 10 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A Mi Box de Xiaomi, un dos reprodutores multimedia baseados en Android TV coa mellor relación calidade-prezo do mercado, que facilita converter practicamente calquera televisor con entrada HDMI nun Smart TV, e que actualmente comercialízase en España por 74,99 euros, vén de renovarse, de xeito que xa está no mercado a Mi Box S, revisión que conserva a súa resolución 4K e a integración de Chromecast, pero que reduce o seu prezo lixeiramente, de xeito que é posible que o atopemos nas tendas dentro duns meses a prezos que se aproximen aos 60 euros.
A Mi Box S funciona cunha versión de Android TV baseada en Android 8.1, soporta tanto 4K como HDR con son Dolby e DTS; integra Chromecast para poder presentar en pantalla contidos que enviemos dende o ordenador ou o móbil; conta tamén co Asistente de Google para poder aproveitar o micrófono do seu mando para dar ordes ás nosos dispositivos domésticos e renovou o seu mando para incluír un botón de Netflix (aplicación que integra de sempre, pero que deste xeito está máis accesible) e de televisión en directo.
A nivel de especificacións, falamos dun dispositivo cun procesador de 64 bits e 4 núcleos, con 2 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, USB 2.0 e HDMI 2.0a que ofrece potencia dabondo non só para gozar de contidos de vídeo das plataformas máis populares, senón tamén para gozar de xogos en pantalla grande (sendo compatible con moitos mandos Bluetooth) polo que pode facer tamén as funcións dunha consolas básica, facendo que o seu prezo pareza aínda máis axustado.

PUBLICIDADE