A NES mini volverá ás tendas o 29 de xuño

luns, 14 de maio do 2018 Marcus Fernández

O lanzamento da Nintendo Classic Mini fora considerado por moitos un auténtico desastre, xa que converteu á pequena consola retro de Nintendo nun produto de especulación ante o reducido número de unidades que chegaron ao mercado, algo que Nintendo soubo corrixir coa súa sucesora, a Super Nintendo mini, que segue a ser relativamente doada de atopar en tendas. Agora queren solucionar a situación dos seareiros da marca nipoa que aínda non teñen a NES mini, e por iso anuncian que o vindeiro 29 de xuño volverán a poñela á venda.
Unha vez lanzada a Super Nintendo mini, a NES mini ten pouco atractivo, pero moitos agradecerán a posibilidade de poder completar a colección de consolas de pequeno tamaño sen ter que recorrer a un mercado de segunda man no que a especulación está a facer moito dano.
A Nintendo Classic Mini inclúe 30 xogos, que na súa meirande parte son importantes xa que iniciaron franquías que en moitos casos seguen vivas hoxe, como Super Mario Bros., The Legend of Zelda ou Donkey Kong.
Como curiosidade, no Xapón van lanzar o 7 de xullo unha edición da NES mini que únese á celebración do 50º aniversario da revista de manga Shonen Jump, e que incluirá precargados xogos de As Bolas Máxicas, Los Caballeros del Zodíaco, Puño de Estrella del Norte, Campeones, Musculman e outras obras nacidas das páxinas da histórica revista.

Vídeo promocional da NES mini xaponesa que rende tributo á revista Shonen Jump

PUBLICIDADE