A Nintendo 3DS XL terá unha edición especial co gallo do lanzamento de Super Smash Bros.

mércores, 13 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Nintendo confía en que o xogo Super Smash Bros. sexa o seu grande éxito para o que resta do ano, e para potenciar este lanzamento o 3 de outubro non só poderemos mercar o xogo para a Nintendo 3DS, senón que tamén teremos dispoñible unha edición especial da Nintendo 3DS XL en cor vermello que incluirá unha estampación do xogo que virá pre-instalado na consola portátil. Estamos ante unha edición limitada que só poderá adquirirse até fin de existencias, polo que será preciso bulir de querer facernos cunha, xa que as versións especiais de consolas de Nintendo teñen contrastado a súa elevada demanda no pasado.
De cara ao lanzamento deste xogo tamén anuncian que entre os días 14 e 21 de agosto teremos a Promoción luchadores: Nuevos personajes, a través da que teremos descontos de até o 50% en xogos da Nintendo eShop, entre os que figuran moitos da Consola Virtual. Entre as ofertas máis destacables estarían para Nintendo 3DS os xogos Kid Icarus: Uprising por 24,49 euros, Tomodachi Life por 31,99 euros e Animal Crossing: New Leaf por 27,99 euros; mentres que para Wii U as ofertas serían as de Wii Party U a 31,49 euros, Wii Fit U a 24,49 euros e Super Punch-Out!! (de SNES) a 3,99 euros. Nestes xogos rebaixados fan acto de presenza moitos dos loitadores de Super Smash Bros., polo que con esta promoción búscase darlles unha maior visibilidade e polos en valor (como o caso do boxeador de Super Punch-Out!!, que é todo un clásico que poucos novos xogadores coñecen)
Super Smash Bros. chegará á Nintendo 3DS en outubro, sendo a primeira vez que esta franquía chega a unha consola portátil, mentres que os usuarios de Wii U deberán agardar ao inverno para poder gozar deste xogo que permitirá xogar até 4 usuarios en local ou en liña con personaxes do mundo dos videoxogos tan recoñecidos como Mario, Link, Samus, Sonic, Pikachu, Mega Man ou Pac-Man.

PUBLICIDADE