A Nintendo 3DS recibe aplicación de YouTube sen reprodución de vídeos en 3D

luns, 2 de decembro do 2013 Marcus Fernández

No último Nintendo Direct anunciaron que a Nintendo 3DS ía recibir en breve a aplicación oficial de YouTube, e finalmente está aquí, de xeito que os usuarios da consola portátil de Nintendo poderán explorar os contidos do portal de vídeo de Google, realizando a navegación na pantalla táctil da consola e visualizando os vídeos na pantalla superior, aínda que cunha carencia un tanto vergoñenta: os vídeos dispoñibles en 3D en YouTube non poden reproducirse polo momento aproveitando as funcións estereoscópicas da 3DS.
A nova aplicación de YouTube presenta unha navegación moi semellante á doutras aplicacións móbiles do servizo, coa grande diferenza de que, desta volta, aparte do control táctil tamén poden aproveitarse os botóns físicos da consola para facilitar a navegación a través das listaxes de vídeos e durante a reprodución permiten pausar/reanudar os vídeos (ou saír dos mesmos).
Durante a reprodución dos vídeos é posible seguir a navegar polos contidos de YouTube na pantalla inferior, así como realizar buscas (aínda que neste último caso o tecleo das buscas deterán momentaneamente a reprodución dos vídeos).

PUBLICIDADE