A Nintendo Switch Lite terá unha funda con tapa oficial

venres, 30 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro 20 de setembro chegará ás tendas a Nintendo Switch Lite, versión da Switch puramente portátil, que ao ser máis compacta e lixeira que a súa irmá maior é moito máis cómoda de transportar, pero moitos xogadores temerán pola integridade das súas pancas de xogo e botóns de levar a consola no peto ou na mochila, para o que no Xapón xa está dispoñible unha curiosa funda con tapa, semellante á que moitos usan co seu móbil, pero cun par de protuberancias para deixar un espazo adicional aos sticks analóxicos.
Este curioso accesorio para a Nintendo Switch Lite é oficial da propia Nintendo e está previsto que comece a comercializarse no Xapón o 1 de novembro a un prezo de 3.758 iens (32 euros). O lanzamento español non está previsto até xaneiro de 2020.
Aínda que as consolas portátiles sempre tiveron dispoñible no mercado fundas de transporte (de feito, Nintendo tamén terá unha oficial para a Switch Lite o propio día do seu lanzamento), parece bastante intelixente optar por esta solución máis compacta na versión da Switch que está precisamente orientada a unha maior portabilidade, de xeito que cando se estea usando a consola fóra do fogar non hai perigo de perder a funda.

A funda semella unha solución moi práctica para protexer os controis e a pantalla da Nintendo Switch Lite

PUBLICIDADE