A OMS defende os videoxogos para loitar contra a expansión da COVID-19

luns, 30 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Dende a industria dos videoxogos levan anos defendendo que o lecer electrónico ten moitas cousas positivas, contrastando coa mala imaxe que tradicionalmente difunden moitos medios de comunicación tradicionais, e un dos grandes avogados do sector está a ser agora a Organización Mundial da Saúde (OMS), que durante a pandemia está a apoiar unha iniciativa de boa parte das compañías creadoras de videoxogos baixo o cancelo #PlayApartTogether, co que foméntase o distanciamento social físico, á vez que a interacción con outras persoas por canles electrónicas.
Os videoxogos non só poden ser un xeito de desconectar da preocupante situación actual e servir de diversión, senón que tamén pode ser un xeito de conectar socialmente con amigos e familiares mentres se está confinado no fogar, tanto xogando en local como a través da Internet.
Varios xogos en liña están a promover esta campaña na que convidan aos usuarios a xogar como un xeito de salvar vidas, xa que o distanciamento social pode contribuír a suavizar a curva de infectados pola COVID-19 e así axudar a que os sistemas de saúde poidan atender aos enfermos que máis o precisen.
O apoio da OMS a esta campaña pode sorprender, xa que en xaneiro incorporaron á súa Clasificación Estatística Internacional de Enfermidades e Problemas de Saúde Conexos (CIE-11) o trastorno por uso de videoxogos, pese a non existir consenso ao respecto (moitas voces apuntan a que o trastorno non está provocado polos videoxogos, senón que son simplemente a actividade na que se manifesta en certos individuos).

PUBLICIDADE