A PC Engine CoreGrafx mini non sairá á venda en España

luns, 12 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Ao anunciarse que a consola PC Engine ía volver ao mercado nunha versión mini apuntamos que esta consola chegara a España en unidades moi reducidas, e tras darse a coñecer os 50 xogos precargados que incluirá, dende Konami dan moitos máis detalles sobre este lanzamento entre os que vén unha mala nova para os usuarios españois que queiran facerse cunha PC Engine CoreGrafx mini, xa que esta consola só poderá adquirirse directamente en Reino Unido, Francia e Italia, mentres que a EE.UU. chegará como TurboGrafx-16 mini e ao Xapón como PC Engine mini (cada unha cunha aparencia externa diferente).

JPEG - 75.6 KB
Splatterhouse é un dos xogos cos que contará a nova consola retro

Konami confirma que a nova consola retro venderase en Europa a 109,99 euros, estando xa dispoñible para a súa reserva, aínda que non chegará ao mercado até o 19 de marzo. Tamén anuncian que a consola está a ampliar o seu catálogo de xogos incluídos até os 57, estando entre os recentemente engadidos clásicos como Splatterhouse, Galaga ’88 ou Seirei Senshi Spriggan.
Dende o día de lanzamento tamén estarán dispoñibles accesorios como mandos adicionais e un multi tap para facilitar os multixogadores para até 5 xogadores, que venderanse a 24,99 e 29,99 euros respectivamente.
Establecementos en liña como Amazon facilitan a compra dende España destes produtos, polo que a súa compra será posible cuns gastos de envío bastante asumibles (pouco máis de 6 euros), polo que podemos entender que calquera interesado na nova consola mini poderá facerse con ela, pero a súa distribución será limitada dada a natureza do produto (que está orientado a un público moito máis reducido que outras consolas retro).

PUBLICIDADE