A PS Vita convenceu en Madrid

luns, 3 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A PS Vita puido probarse durante o Gamefest

A nova consola portátil de Sony está cada vez máis preto, e como adianto uns 2.000 afortunados puideron probala en primicia en Madrid durante o evento Gamefest que tivo lugar nos últimos días, e no que a consola estaba dispoñible cos xogos Uncharted: Golden Abyss, Resistance: Burning Skies, LittleBigPlanet, Wipeout 2048 e Little Deviants, confirmando que a PS Vita será a grande aposta de Sony para 2012.
A consola portátil convenceu aos que a probaron tanto polas súas características físicas (peso, ergonomía...) como polos seus xogos, e aínda que deberemos agardar varios meses para vela nas tendas, dende a división europea de Sony adiantan o deseño da caixa que terá a consola nos seus modelos 3G e Wi-Fi e aseguran que a consola incluirá no seu menú principal 10 iconas que facilitarán o acceso a cadansúa aplicación:
- Praza de benvida: con minixogos para explorar as funcións da consola
- Festa: chat de texto e voz que poderá empregarse durante as partidas (incluso xogando os distintos participantes a títulos diferentes)
- PlayStation Store: tenda de descargas
- Mensaxería en grupo: para manter conversas con usuarios de PS Vita, PSP e PS3
- Fotos: con acceso á cámara e ao visor de imaxes
- Near: rede de xogos baseada na ubicación
- Trofeos: consulta dos trofeos obtidos tanto na PS Vita como na PS3
- Música: para escoitar as cancións importadas á PS Vita dende o PC á PS3
- Amigos: lista os nosos contactos, podendo ver ao que están a xogar na PS Vita ou na PS3
- Navegador de Internet: para aproveitar a pantalla de 5 polgadas da consola para ver páxinas web

Así será a caixa da PS Vita no seu lanzamento europeo agardado para marzo de 2012

PUBLICIDADE