A PS4 proba a actualización do software de sistema 5.50

martes, 6 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A partires de hoxe os usuarios de PlayStation 4 xa poden probar a actualización do software de sistema 5.50, que incorpora interesantes novidades entre as que destaca especialmente o modo de supersampling en PS4 Pro, que unha vez activado permite que os usuarios da PlayStation máis potente que non conten cun televisor 4K poidan gozar dos xogos cunha mellor experiencia visual, xa que os gráficos procesaranse en 4K para despois escalarse á resolución do televisor.
No que respecta ao control paterno, o software de sistema 5.50 incluirá unha opción de administración de tempo, que permite que os administradores familiares poidan establecer límites sobre cando e durante canto tempo pode xogar cada cativo de xeito individual e, cando estea a piques de superarse, o menor recibirá notificacións mentres xoga indicándolle que debe gardar a partida e saír do xogo.
A actualización tamén responde a unha longa demanda: permitir importar imaxes mediante USB para poñelas como fondo na consola.
A biblioteca da PS4 tamén mellora a súa interface, incorporando un par de novas pestanas para facilitar a localización dos contidos, de xeito que separaranse os xogos mercados dos adquiridos a través da subscrición de PlayStation Plus. Tamén é posible ocultar aplicacións da biblioteca (como por exemplo versións de proba ou demostracións) que non vaian volver a utilizarse, para manter máis limpa a listaxe de xogos instalables.
O menú rápido tamén facilita o acceso ás listaxes de amigos personalizadas (axilizando o contacto con eles) e tamén poderán eliminarse permanentemente as notificacións antigas da PS4, mellorando así a xestión e a organización.

PUBLICIDADE