A PS4 recibe unha importante actualización

martes, 28 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A PlayStation 4 está a recibir a versión 2.0 do seu software de sistema, con nome chave Masamune, que incorpora numerosas melloras moi agardadas entre as que destaca especialmente a función Share Play, que permite crear unha experiencia cooperativa en liña e local, de xeito que podemos convidar a un amigo a unirse a unha partida aínda que non teña unha copia do título ao que estamos a xogar.
Con esta actualización tamén chega unha nova aplicación de YouTube, que permite cargar os mellores momentos das nosas partidas dende a PS4 a YouTube premendo só o botón Share do mando da consola; ofrécense novos temas e cores para personalizar o fondo de pantalla de inicio; mellóranse as emisións en vivo (grazas á incorporación de opcións como os filtros de busca e a compatibilidade con emisións arquivadas; redeséñase a área de contido para facer máis doado organizar a biblioteca da PS4; facilita a obtención de suxestión de xogadores no apartado de novas; e incluso engade a posibilidade de poder reproducir en segundo plano a música que carguemos dende memorias USB conectadas á consola.


Vídeo de presentación da nova versión do software de sistema da PS4

PUBLICIDADE