A PS4 terá novos mandos compactos de cara ao Nadal

mércores, 11 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que o habitual na PlayStation 4 sexa empregar un mando propio de Sony, a compañía nipoa tamén licenza a outras marcas, e así de cara ao Nadal este ano veremos unha nova gama de mandos de distintos fabricantes que resultan bastante rechamantes, especialmente no caso de HORI, fabricante de accesorios xaponés que ten bastante sona polos seus mandos arcade, pero que desta volta sorprende presentando un mando para PS4 en formato mini, de xeito que o seu formato pode lembrar ao da SNES Mini, pero que nun espazo cativo integra todos os mandos e botóns, buscando converterse nun mando ideal para xogadores mozos. Este mando conectarase á consola cun mando de 3 metros e sairá á venda o 6 de novembro en cor negra, azul e vermella.
Máis tradicionais son outros mandos como os que porá á venda Nacon en novembro en cor negra, azul, gris, laranxa e vermella (así como versións translúcidas con brillo en verde, vermello e azul) que simplemente serán mandos con cable de 3 metros cun deseño compacto, toma para auriculares e un LED na parte frontal que amosa información do xogo (como o número de xogadores ou a saúde do personaxe en títulos compatibles).
Nesta mesma liña en decembro teremos mandos de @PLAY en cor azul, gris escura, vermella e branca, que presentan un deseño máis básico, cable de 3 metros e toma para auriculares. En definitiva, que haberá unha oferta de mandos para cativos que non só serán máis cómodos para persoas con mans pequenas, senón que tamén é de esperar que teñan un prezo competitivo e, no caso do mando de HORI, tamén é posible que goce de boa acollida entre os afeccionados a certos xeitos de xogar (pois hai usuarios afeitos a agarres retro).

PUBLICIDADE